+034 986 09 02 04 Martes 21 de Agosto de 2018

Mos aproba o luns en Pleno a Comisión de Estudo, o inicio do expediente de municipalización e o proxecto do transporte municipal


Dende o Concello estímase que o servizo entrará en funcionamento de cara ao vindeiro verán

A alcaldesa e Mos, Nidia Arévalo, informou hoxe da aprobación en Pleno na sesión ordinaria que se celebrará o vindeiro luns 25 de abril, da designación dos membros da Comisión de Estudo para o establecemento do servizo de transporte urbano de viaxeiros, e inicio do expediente de municipalización, así como aprobación inicial do proxecto de transporte urbano de viaxeiros.

Xa na sesión ordinaria de Comisión Informativa celebrada no Concello o pasado 20 de abril explicáronse os termos da proposta que contería os acordos de nomear os membros da Comisión de Estudo para o establecemento do servizo de transporte urbano de viaxeiros, de iniciar o expediente de municipalización e da aprobación inicial do proxecto. Este acordo foi sometido a votación e ditaminado favorablemente pola unanimidade dos membros da Comisión Informativa.

Unha vez aprobada en Pleno, consituirase a Comisión de Estudo que se comporá dunha presidenta que será a alcaldesa, un representante de cada grupo municipal (PP, GañaMos, PSdeG-PSOE e BNG), dous representantes dos usuarios, designados polas Cámaras Oficiais correspondentes se as houbera, a enxeñeira municipal, a arquitecta técnica municipal, o interventor municipal e a secretaria do Concello.

A aprobación plenaria do vindeiro luns da Comisión de Estudo para o transporte urbano de Mos ven precedida dunha reunión celebrada o pasado día 1 deste mes en Santiago entre a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, a concelleira de Urbanismo e Medio Ambiente mosense, Julia Loureiro, e os xurídico e secretaria municipais coa conselleira de Infraestruturas e Vivenda da Xunta de Galicia, Ethel Vázquez, e a directora xeral de Mobilidade, Helena de Lucas de Santos, para ultimar os trámites previos á posta en marcha do Plan Municipal de Transporte.

Durante a xuntanza abordáronse as alternativas posibles tratando de buscar a máis óptima para que o Plan Municipal de Transporte fora unha realidade canto antes e o inicio do seu funcionamento se demorase o menos posible no tempo. Deste xeito técnicos e representantes políticos de ambas administracións, local e autonómica, constituíron unha mesa de traballo para deseñar a estratexia máis eficaz e rápida para poñer en marcha canto antes o transporte municipal.

Agora lévase esta aprobación a Pleno, paso previo a sacar a licitación a concesión, para que tódalas empresas que estean interesadas en optar a xestionar o transporte municipal mosense poidan presentar as súas ofertas culminando coa contratación dunha delas como concesionaria e poñendo en marcha, a continuación, o devandito servizo de transporte; que dende a administración local estímase que será de cara ao vindeiro verán.

Detalles do servizo de transporte municipal

O proxecto de transporte municipal presentado polo Concello de Mos consiste nun sistema de buses lanzadeira distrubuídos en dúas liñas que comuniquen as dez parroquias mosenses entre sí e coas paradas do Transporte Metropolitano sitas en Puxeiros, Peinador, Tameiga, Sanguiñeda e San Cosme en Cela; o que lles permitirá ós veciños e veciñas de calquera punto da localidade mosense desprazarse no transporte público en igualdade de condicións. Ademais este servizo comunicará cos principais puntos de interese e afluencia veciñal do municipio que son o Centro de Saúde do Rebullón, o Instituto nas Pozas e o Pavillón Óscar Pereiro nas Pozas tamén.

“Este plan correspóndese ó proxecto de transporte municipal que o Partido Popular de Mos presentou como parte do seu programa electoral nos pasados comicios locais”, segundo declaraba a rexedora mosense.

Sobre este Plan de Transporte Municipal Arévalo explicou que constará dun autobús lanzadeira de liña circular que comunicará as 10 parroquias mosenses entre sí e cos puntos de enlace co Transporte Metropolitano, para poder desplazarse ata calquera dos municipios da área.

Ademais de comunicar as 10 parroquias entre sí esta liña comunica a tódalas parroquias mosenses coas zonas de intercambio co Transporte Metropolitano que une Mos coas demais localidades da Área Metropolitana.

Neste sentido, Arévalo destacou a importancia deste plan que conectará as parroquias sen servizo coas paradas do Transporte Metropolitano, garantindo deste xeito a mobilidade de todas as parroquias tanto entre elas como con outros concellos metropolitanos.

Deja un comentario