+034 986 09 02 04 Venres 26 de Abril de 2019

Uxío benítez recibe á alcaldesa de Mos para falar das prioridades en materia de mobilidade do concello


 

O deputado provincial confirma que a Deputación construirá pasos de peóns sobreelevados no contorno do Auditorio da Música en Torroso
O deputado provincial de Mobilidade, Uxío Benítez, recibiu hoxe á alcaldesa de Mos para falar das prioridades en materia de infraestruturas viarias no concello. Sobre a mesa estiveron a reforma da estrada Puxeiros Peinador, da que o nacionalista destacou “é das máis transitadas no contorno de Vigo”, a construción de ‘lombos’ para calmar o tráfico e as actuacións de mantemento previstas para as vías provinciais.

Sobre a estrada Puxeiros-Peinador, Uxío Benítez destacou a súa capacidade vertebradora dentro do Concello de Mos, posto que conecta o núcleo urbano co aeroporto e o IFEVI e serve de acceso á zona industrial do Rebullón, cunha grande densidade de tráfico de vehículos pesados. Así mesmo, destacou a necesidade de garantir as condicións de seguranza viaria polo que se comprometeu a estudar accións futuras. “Entendemos as necesidades de mellora polas características propias da vía, xa que ten unha capacidade e unha densidade de tráfico das máis altas da rede provincial”, recoñeceu. Pola súa banda, Arévalo indicou a existencia dun proxecto para mellorar o firme, a iluminación e a sinalización desta vía valorado en 700.000 euros, traballo que o deputado se comprometeu a buscar e estudar para dar a saída máis axeitada seguindo o decálogo de criterios de actuación nas vías provinciais do novo goberno da Deputación.

A EP-2603 entre Puxeiros-Peinador ten unha lonxitude de 2,805 metros. Nos primeiros meses do ano pasado executouse unha primeira fase de mellora nun treito de 805 metros cun orzamento duns 250.000 euros. Restan outros dous quilómetros por mellorar que van dende a rotonda de Puxeiros ata a entrada do aeroporto e o IFEVI (Peinador).

Por outra banda, o deputado e a rexedora, acompañados da directora de Mobilidade da Deputación, Isabel Pardo de Vera, falaron das actuacións previstas no Plan Móvese para o calmado do tráfico. Neste sentido, Benítez confirmou á alcaldesa que a Deputación construirá os pasos de peóns sobreelevados tecnicamente necesarios no contorno do Auditorio de Música, no lugar de Torroso (na EP-2601). O responsable de Mobilidade destacou que a intención da Deputación coas actuacións de calmado do tráfico é crear contornos de seguranza viaria para os peóns en lugares nos que haxa grande tránsito de persoas. “A escola de música ten uns 400 alumnos, polo que o seu contorno é o exemplo caro de lugar onde hai que actuar con elementos de calmado do tráfico para garantir a seguranza viaria. Na convivencia entre os coches e as persoas debe haber unha clara prioridade: os cidadáns deben poder moverse sen perigo”, subliñou Benítez.

Finalmente, a rexedora de Mos entregou ao deputado e á directora de Mobilidade un informe elaborado pola enxeñeira municipal no que se recollen as actuación de mantemento necesarias para as vías provinciais. Benítez e Pardo de Vera agradeceron o traballo, feito con grande profesionalidade, para tomar coñecemento do estado real da rede viaria da Deputación no Concello de Mos.

No termo municipal de Mos hai seis estradas provinciais: a EP-2601 entre Mos e Puxeiros, a EP-2602Peinador-Louredo, a EP-2603 Puxeiros-Peinador, a EP-2604 entre Puxeiros-Meixoeiro-CUVI (compartida con Vigo), a EP-2605 entre Rebullón-Meixoiero-CUVI e a EP-2906 Os Valos-Guizán (compartida con Redondela).

Deja un comentario