+034 986 09 02 04 Luns 06 de Xullo de 2020

Mosquera: «a Deputación non vai seguir tolerando unha situación de manifesta irregularidade»


 

O vicepresidente asegura que a «minifolga» do parque de maquinaria débese á pretensión de manter dietas e quilometraxe cobrados sen xustificar
O vicepresidente César Mosquera asegurou hoxe que «a Deputación non vai seguir tolerando unha situación de manifesta irregularidade no parque de maquinaria». O nacionalista quixo deixar claro que a folga do plantel débese unicamente á pretensión de manter dietas e quilometraxe cobrados sen xustificar, chegando a contías de 7.000 € de media e de ata 12.000 € anuais, poñendo como escusa a suposta privatización do servizo «cando os obxectivos do novo goberno son totalmente contrarios a iso: queremos a máxima eficiencia e racionalización».

Mosquera sinalou que o que fixo o novo goberno da Deputación, para evitar contratos a empresas privadas, foi dende o primeiro momento facer que o plantel do parque traballase unicamente nas vías provinciais nas mesmas condicións que os demais funcionarios do seu grupo. «Aí comezou xa o problema», dixo o nacionalista. Pasado o tempo, o PP presentou en Pleno unha moción dicindo que os traballadores do parque estaban parados mentres, a un tempo, seguían pasando pernoctas e dietas. Ante isto tomouse a decisión de investigar a situación e non aceptar máis dietas non xustificadas documentalmente con facturas. Neste sentido é preciso explicar que os traballadores do parque de maquinaria eran os únicos de toda a Deputación, incluída a Corporación, que non tiñan a obriga de presentar facturas e documentos acreditativos dos seus gastos de dietas e pernoctas nin tampouco motivalos debido a unha resolución do anterior presidente. Esta decisión do Goberno do PP, probablemente única en todas as administracións públicas, permitíalles aos traballadores simplemente pasar ao cobro un simple listado de supostos gastos que non podía ser contrastado. «A denuncia da inactividade do parque documentalmente con correspondía coa realidade, pero fixo saltar a sospeita de que as dietas e o quilometraxe eran un complemento salarial, algo que semellaba bastante lóxico dado que só traballan dentro da provincia, onde dificilmente fan falta pernoctas, ou cando menos nas cantidades que se cobraban. Decidimos cortar iso de raíz e só pagar aquilo que estivese documentado. Nese momento convocouse a folga», subliñou Mosquera.

O vicepresidente destaca que a evidencia de que as dietas eran un complemento salarial «por ser o brazo armado do PP» confírmase polo propio sindicato CC OO cando se organiza un paro co único motivo, segundo o documento oficial da convocatoria de folga, de forzar «un acordo sobre determinados conceptos retributivos e condicións de prestación do servizo do persoal do Parque de Maquinaria». En canto ás características da folga, Mosquera tamén sinalou que se trata dun paro «mini», posto que unicamente deixan de traballar media hora á semana todos os venres: a súa xornada laboral finaliza ás 12.30 horas e a folga é de 12.00 a 15.00 horas.

Custes para a Deputación
Os traballadores do parque de maquinaria da Deputación son todos do grupo C, unha parte do grupo C1 (con título de Bacharelato ou equivalente) e C2 (título de ESO ou equivalente). No exercicio de 2015 o soldo maior, cunha categoría de técnico auxiliar de maquinaria (C1), costoulle á Deputación 77.667,81 euros. O salario total chegaba aos 63.214 euros, dos que 12.453 (máis de 1.000 euros mensuais) foron dietas ou quilómetros que, ademais de non estar xustificados grazas a que así o permitía unha resolución presidencial do anterior Goberno provincial, non tributan e, por tanto, que o traballador ingresou na súa totalidade. Estas retribucións están moi por riba da inmensa maioría dos funcionarios do grupo A, sean médicos, profesores, arquitectos, enxeñeiros…
Os demais traballadores do parque da mesma categoría (C1) sexan operadores de máquinas, condutores de camión, de turismos ou similares, tiveron un custe medio para a Deputación no exercicio de 2015 de 49.010 euros (incluíndo a cuota patronal), e uns salarios medios de 40.268 euros, dos que 7.411 eran dietas ou quilómetros. Este soldo é superior a grande parte dos funcionarios do grupo A1, á práctica totalidade dos grupos A2 e B noutras administracións, e arredor de 7.000 euros ao ano superior aos funcionarios do grupo C1 do mesmo grupo dentro da Deputación.
Cabe sinalar tamén que as variacións salariais entre os diversos funcionarios do parque son «sorprendentemente baixas», xa que as nóminas están entre 37.000 e 43.000 euros anos a pesares das diferentes antigüidades e funcións. Constátase así que as dietas utilizábanse para igualar os ingresos entre os traballadores.
«Facendo as contas o resultado é que os traballadores durmían fóra da casa unha media de 100 días ao ano, o que perturba gravemente a saúde dos traballadores, conleva problemas familiares e incluso económicos se, como din, tiñan que adiantar os cartos. Entendemos que esas pernoctas deberían ser motivo de ataque sindical e resulta que é ao contrario», ironizou Mosquera. O vicepresidente explicou que as dietas desproporcionadas sen xustificar se deben a que os traballadores dependían directamente da Presidencia co anterior goberno do PP, que supostamente lles ordenaba traballos de 14 e 16 horas en épocas electorais para sacar rendemento político, e a cambio concedía os pagos sen xustificar.

«Imos enfrontarnos a isto e non permitilo, aínda que nos custe pancartas e apouques, con moita honra e gran satisfacción. Non se van seguir tolerando situacións de manifesta irregularidade por dúas cuestións: por principios, porque son cartos públicos, e porque só faltaría que remataramos nun lío xudicial por permitir unha ilegalidade coma esta», subliñou o vicepresidente.
.

Deja un comentario