+034 986 09 02 04 Luns 18 de Decembro de 2017

O alcalde de Ponte Caldelas supervisa as obras de reparación da Casa do Pobo de Xustáns, solicitadas polos veciños


 

Substituíuse o chan do salón principal para evitar accidentes por delizamento, pintáronse as pareces e realizáronse diversas reparacións no centro social

O alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz, supervisou a marcha dos traballos de reparación que está acometendo o Concello de Ponte Caldelas na Casa do Pobo de Xustáns para dar resposta ás peticións realizadas polos distintos veciños e colectivos sociais da parroquia que reclamaban o arranxo deste centro sociocultural.

Os operarios municipais están levando a cabo labores de corrección de grietas nas paredes, lixado e pintado interior da Casa do Pobo, así como das portas e xanelas que conforman esta edificación. Asemade, tamén procederon á colocación dun novo piso antideslizante coa intención de previr caídas de usuarios do centro sociocultural, en especial persoas maiores que xa tiveron que sufrir algún percance.

Con esta actuación o Concello de Ponte Caldelas da resposta a unha das peticións expresadas polos veciños na asemblea celebrada na Casa do Pobo a principios da presente lexislatura e onde o alcalde, Andrés Díaz, e os membros do equipo de goberno foron recollendo as peticións e suxestións veciñais para ir confeccionando o orzamento municipal.

Tamén se procederá a unha limpeza integral do campo da festa e as inmediacións da Casa do Pobo coa intención de facilitar un mellor aspecto do entorno.

Andrés Díaz manifestou que “atender as peticións veciñais é a nosa prioridade e por eso fixemos as xuntanzas cidadáns para coñecer cales eran as inquedanzas e necesidades que tiñan os 33 lugares que conforman o noso municipio. A atención ás casas do pobo e centros socioculturais forma parte do noso compromiso coa cidadanía e cos colectivos sociais que a vertebran e dinamizan como xeito de favorecela convivencia veciñal e a colaboración social”, indicou o alcalde de Ponte Caldelas.

Deja un comentario