+034 986 09 02 04 Sábado 14 de Decembro de 2019

A Xunta investirá máis de catro millóns de euros na construción dun novo Centro de Saúde en Tui


Tamén visitaron a Praza de Abastos, que se remodelou grazas a unha axuda da Consellería de Economía e Industria de preto de 200.000 euros

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o delegado da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitaron o Concello de Tui para manter un encontro co seu alcalde, Moisés Rodríguez, e coñecer de primeira man as necesidades do concello e as obras que xa está levando a cabo nel o Goberno galego.

Unha das visitas foi ao solar cedido polo concello onde o Sergas construirá o novo centro de saúde, cuxo contrato se asinará a semana que vén. Nesta obra investiranse máis de 4 millóns de euros, cofinanciados polo Feder Galicia 2007-2013, e dotará a os profesionais e pacientes dunha infraestrutura moderna que poderá ofrecer unha mellor resposta ás necesidades de saúde presentes e futuras das veciñas e veciños de Tui.

Segundo consta no proxecto, o centro de saúde terá unha superficie construída de máis de 3.500 metros cadrados e poderá atender a máis de 18.000 persoas. Contará con 22 consultas na área de medicina xeral, 4 na área de pediatría, unha área destinada a matrona e educación maternal, unha área de odontoloxía, outra de fisioterapia e salas polivalentes.

Ademais, este novo centro da rede sanitaria pública galega contará cunha área de administración, na que se disporá un arquivo, almacéns e outros servizos comúns; e un Punto de Atención Continuada con sala de raios X e cunha zona de consultas e de observación.

Praza da Abastos
Doutra banda, tamén visitaron a Praza de Abastos de Tui, que recibiu unha axuda da Consellería de Economía e Industria de preto de 200.000 euros entre as anualidades do ano pasado e deste. Esta axuda destinouse ao acondicionamento da praza, así como para formación en mentoring comercial. Concretamente, leváronse a cabo accións de reordenación interior, mellora das instalación e accesibilidade e actividades de formación e asesoramento para aumentar a rendibilidade do punto de venda mediante técnicas de visual merchandising, a colocación do produto ou a atención ao cliente.

Deja un comentario