+034 986 09 02 04 Domingo 27 de Setembro de 2020

Uxío Benítez interésase polo modelo de xestión de mobilidade da Deputación de Barcelona


 

O deputado provincial reuniuse hoxe co seu homólogo barcelonés, Jordi Fàbrega, que tamén realizará unha visita a Pontevedra nos vindeiros meses
O deputado provincial de Mobilidade, Uxío Benítez, reuniuse hoxe co seu homólogo na Deputaciò de Barcelona, Jordi Fábrega, para interesarse polo sistema de dirección do departamento de Mobilidade catalán, que calificou como un “referente de eficiencia na xestión pública”. Benítez estivo acompañado pola directora provincial da área en Pontevedra, Isabel Pardo de Vera. Ambos mantiveron diferentes encontros co xerente de Infraestruturas Viarias e Mobilidade, Vicenç Izquierdo, e co asesor de Mobilidade da institución barcelonesa. “En Pontevedra estamos en plena restruturación do servizo e queremos analizar as posibilidades de xestión para acadar un departamento máis moderno e eficiente, polo que as reunións de traballo que estamos a manter en Barcelona están a ser moi útiles”, subliñou Benítez.

No encontro con Vicenç Izquierdo, o xerente facilitou á delegación pontevedresa un dossier sobre o funcionamento do departamento: o seu orzamento, organigrama, protocolos de actuación e planificación de actuacións plurianuais. Así mesmo, sinalou que a Deputaciò de Barcelona realizou unha profunda transformación no ano 1992 que reformulou dende cero o servizo coa creación de tres oficinas técnicas, unha para conservación, outra de planificación e proxectos (responsable de obras en contornos non urbanos) e outra de mobilidade (para realizar actuacións en travesías e ámbitos urbanos); creou un departamento de seguimento de accidentes e sistematizou o funcionamento das brigadas. En total, a área catalá conta con 140 traballadores con 57 técnicos. “Pódennos aportar ideas sobre vías de solución a problemas que eles xa afrontaron, mais en Pontevedra o servizo non está tan profesionalizado xa que nós só contamos con 4 técnicos, pero o feito de compartir experiencias dentro dunha mesma visión política da mobilidade está a ser moi enriquecedor”, subliñou o deputado pontevedrés.

Benítez destacou que a Deputación de Pontevedra quere levar adiante un Plan de Mobilidade a desenvolver nos vindeiros anos no que se establecerán protocolos de actuación cos concellos, que nestes momentos están a facilitar a información sobre as súas necesidades. “A intención do Departamento de Mobilidade pontevedrés é realizar actuacións seguindo uns criterios de actuación moi claros, poñendo ás persoas como referencia de cada obra, mais pódese aprender doutras administracións sobre como profesionalizar o servizo para utilizar os fondos públicos coa maior eficacia posible”.

A visita institucional a Barcelona realizada hoxe por Benítez e Pardo de Verá será correspondida polo deputado de Infraestructuras viarias e Mobilidade da Área de Territorio e Sostenibilidade Jordi Fábrega (Esquerra Republicana), que virá a Pontevedra nos vindeiros meses. Segundo indicaron todos os representantes cataláns, hai un grande interese na filosofía do ‘modelo Pontevedra’ de priorizar os tránsitos peonís. Hai que lembrar que o vicepresidente Mosquera, xunto ao deputado e ao asesor provincial de Mobilidade, Jesús Fole, xa participaron na XI Jornada Tècnica de Mobilitat de Santa Coloma de Gramenet organizada pola Deputaciò de Barcelona, que levaba baixo título ‘La millora de la mobilitat i la qualitat de vida als centre urbans: creant carrers i espais públics amables’.

Alí expuxéranse un conxunto de experiencias «inspiradoras para animar a outros municipios a aplicalas” e plantexáronse recursos e consellos útiles para que os técnicos municipais e políticos responsables de mobilidade puidesen emprender actuacións de restrición de tráfico. Os organizadores consideraron que o exemplo de Pontevedra era unha «excelente experiencia», e os 240 alcaldes, concelleiros e técnicos de toda España que participaron no evento felicitaron aos representantes pontevedreses polo traballo feito e a súa determinación por implantar o seu modelo de mobilidade na capital da provincia galega.

Deja un comentario