+034 986 09 02 04 Mércores 18 de Xullo de 2018

Cores Tourís analiza a nova indicación protexida dos viños de Ribeiras do Morrazo cos viticultores da zona


O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, destacou que o DOG publica hoxe a solicitude de rexistro desta nova indicación xeográfica 

 A asociación a conforman 3 adegas e máis de 600 produtores de Bueu, Cangas, Marín, Moaña, Poio, Pontevedra, Redondela e Vilaboa

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, analizou esta mañá a nova Indicación Xeográfica Protexida Viños de Ribeiras do Morrazo cos representantes dos viticultores deste área tendo en conta que hoxe o DOG publicou a solicitude de rexistro desta distinción para estes caldos.

Na reunión, ademais dos representantes da asociación, tamén estivo presente o xefe territorial de Medio Rural, Antonio Crespo.

Durante o encontro cos viticultores do Morrazo, Cores Tourís recordou que con esta publicación no DOG dáse publicidade ao prego de condicións desta nova IXP, o que supón un paso máis de cara a súa inscrición no rexistro europeo. “Unha vez que se publique tamén no BOE, abrirase un prazo de dous meses para presentar calquera alegación a este rexistro”, matizou o delegado territorial, quen recordou que esta indicación xeográfica iniciouse a petición deste grupo de viticultores e elaboradores da zona do Morrazo e concellos próximos que querían distinguir os seus viños no mercado cun indicativo de calidade.

En concreto, a IXP estará composta por 3 adegas e máis de 600 produtores dos termos municipais de Bueu, Cangas, Marín, Moaña, Poio, Pontevedra, Redondela e Vilaboa que cultivan brancos e tintos elaborados exclusivamente con uvas de determinadas variedades.

Guillermo Martínez, representante de la asociación, aproveitou a reunión co delegado territorial para agradecer a colaboración da administración autonómica de cara a lograr esta IXP. A maiores, solicitaron tamén que se tivera en conta a posibilidade de legalizar algúns dereitos históricos de viñas que non se atopan na actualidade no rexistro vitivinícola pero que, nalgúns casos, superan os 100 anos de existencia. “Temos documentación sobre esta situación, o que facilitaría a súa inclusión no rexistro”, explicou Martínez.

A posta en marcha desta distinción conta co apoio das corporacións locais de todos os concellos aos que atinxe a mesma, xa que facilitará a comercialización das producións da zona.

Fitosanitarios
Outra das demandas dos viticultores foi a realización de cursos básicos para a utilización de produtos fitosanitarios, xa que contan con máis de 190 solicitudes na comarca.
Neste senso, Cores Tourís trasladoulles que o Ministerio de Agricultura acaba de facilitar á Xunta unha serie de produtos para autoconsumo en horta e viña que non necesitaría de carné fitosanitario para a súa compra e utilización.

“Estamos a falar de envases de medio quilo ou medio litro que se poderían comprar nas mesmas tendas que o resto de fitosanitarios pero que permitirían o seu uso para plantacións de produtos de autoconsumo como patacas, tomates ou viñas, o que viría a resolver unha das problemáticas actuais coas que se atopa o rural galego en especial dado o gran minifundismo existente que se traduce nun gran número de pequenas parcelas dedicadas a este fin”, explicou o delegado territorial.

Tramitación en Europa
En relación a creación da Indicación Xeográfica Protexida dos viños de Ribeiras do Morrazo, unha vez superado o período de alegacións, o expediente será remitido ao Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente para o seu envío á Comisión Europea. Alí será analizado e sometido a outro proceso de oposición, este xa a escala da UE, con publicación no DOUE. Superado este proceso produciríase a inscrición formal no rexistro, pero previamente, unha vez pase polo trámite a nivel español, pódese activar a denominada Protección Nacional Transitoria, que permitiría que a indicación xeográfica se puidese usar a nivel nacional mentres continúa o proceso a nivel europeo.

Deja un comentario