+034 986 09 02 04 Martes 20 de Outubro de 2020

Antón Lopo faise co XIII Premio Johán Carballeira de Xornalismo


O gañador do XIII Premio Johán Carballeira de Xornalismo é Antón Lopo cunha crónica sobre Xulio Calviño titulada “Terán que volver os bárbaros para liberarnos”, publicada orixinariamente no Sermos Galiza do 12 de marzo do 2015.
Así, o decidiu o xurado conformado polo xornalista do Faro de Vigo do Morrazo, César Collarte, o historiador local e gañador da pasada edición, Arturo S. Cidrás, e o Presidente da Asociación de Amigos de Johán Carballeira, Manuel A. Mosteiro. Eles destacaron a “orixinalidade do personaxe protagonista da crónica realizada á figura de Xulio Calviño”. O traballo demostra unha exhaustiva investigación presentado a través dunha prosa fluída, inzada de referencias históricas, mitolóxicas e literarias. O gañador recibirá un premio de 1500 euros.
Fai dúas semanas xa se deu a coñecer o veredicto do Premio de Poesía desta edición, co que se fixo a coruñesa Pura Tejelo Núñez, quen vén publicando nas revistas literarias Dorna, Festa da Palabra silenciada e Clave Orión e que presentou o poemario “A elegancia do século”, do que o xurado valorou “a forma na que a poeta explora o cotián dun xeito profundo e elaborado, empregando un repertorio de imaxes que con nitidez nos trasladan á anécdota ou situación que deu orixe á reflexión lírica”.
Ambos gañadores participarán no programa da Semana das Letras Galegas, que está preparando as concellarías de Normalización Lingüística e a de Cultura.
O Premio Johán Carballeira de Xornalismo nace no ano 2002 como complemento ao de Poesía, que xa se viña celebrando na vila buenense coma unha homenaxe ao que fora alcalde de Bueu na República.
Ao longo da súa andaina, este certame ten premiado na categoría de xornalismo a Francisco Seoane Pérez, Óscar Curros Moure, Moncho Paz, Cristian López Iglesias ou Arturo Sánchez Cidrás; e na categoría de poesía, a poetas tan recoñecidos como Xosé Carlos Caneiro, Yolanda Castaño, Xurxo Alonso, Mario Regueira, Berta Dávila, María Carmen Caramés ou Ismael Ramos, entre outros.

Deja un comentario