+034 986 09 02 04 Domingo 20 de Setembro de 2020

A Xunta premia proxectos de empresa impulsados por alumnado de formación profesional mediante o certame Eduemprende Idea


A iniciativa, no marco no Plan de emprendemento no sistema educativo de Galicia Eduemprende, aposta pola implantación na comunidade educativa da cultura emprendedora necesaria para mellorar a competitividade das empresas e a empregabilidade do alumnado galego

A Xunta premia os proxectos de empresa presentados por alumnado de formación profesional dos centros galegos mediante o concurso Eduemprende Idea, convocado conxuntamente polas Consellerías de Economía, Emprego e Industria e Cultura, Educación e Ordenación Universitaria no marco do Plan de emprendemento no sistema educativo de Galicia.

O Plan Eduemprende aposta pola implantación na comunidade educativa da cultura emprendedora necesaria para mellorar a competitividade das empresas e a empregabilidade do alumnado galego. Ese é tamén o obxectivo do concurso Eduemprende Idea, dotado con 12.000 euros para premiar tanto as tres mellores iniciativas presentadas por grupos de alumnado dos ciclos de grao medio como as impulsadas por alumnado dos ciclos de grao superior.

Segundo as bases reguladoras do certame, publicadas onte no Diario Oficial de Galicia, o alumnado interesado en presentar os seus proxectos de empresa, en grupos de un mínimo de dous e un máximo de catro, dispoñen dun prazo dun mes, a contar desde hoxe para tramitar as súas solicitudes a través da web do Igape, na dirección http://www.tramita.igape.es.

O concurso está aberto a todos os alumnos matriculados este curso en centros galegos que imparten ensinanzas de FP, deportivas ou de artes plásticas e deseño sostidas con fondos públicos. A selección dos tres mellores proxectos en cada un dos graos farase tendo en conta, entre outros, criterios como a viabilidade técnica, económica, comercial e financeira dos proxectos, o volume dos investimentos previstos, a creatividade e coherencia do plan de negocio, o impacto na súa área de implantación ou a eficiencia na presentación sintética dos mesmos.

Ao abeiro da Lei de Emprendemento e da competitividade económica de Galicia, a Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través da Unidade Galicia Emprende que coordina o Igape, pon a disposición dos emprendedores que buscan crear unha nova empresa un completo abano de servizos e apoios, xunto con instrumentos como a Rede Galega de Mentores, con empresarios expertos dispostos a compartir, de xeito altruísta, a súa experiencia en xestión con novos emprendedores.
Entre os variados instrumentos de apoio para financiar proxectos emprendedores, especialmente os de carácter innovador, están os microcréditos ou préstamos bancarios con xuros bonificados, préstamos directos ou fondos de capital risco da Xunta como o Galicia Iniciativas Emprendedoras, XesInnova e i2C; e a Rede galega de investidores particulares, preparada para facilitar a confluencia de recursos públicos e privados.
Rede de viveiros de empresa
O alumnado galardoado terá tamén a posibilidade de incorporarse a un dos viveiros da Rede Galega de Viveiros de Empresa en centros educativos. A Rede, en ampliación, agrupa neste momento un total de 19 espazos e actualmente está integrada por centros das sete grandes cidades e concellos onde hai un CIFP.
Os viveiros de empresa en centros educativos xogan un importante papel como axentes de creación de emprego e espazos ideais para o emprendemento e para que os máis novos fagan realidade as súas ideas; o que contribúe aínda máis a favorecer a empregabilidade dos titulados en FP.

Deja un comentario