+034 986 09 02 04 Domingo 19 de Agosto de 2018
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

A Deputación de Pontevedra adxudica as 200 bolsas do Plan de Práctica Laboral


A Xunta de Goberno da institución provincial aprobou tamén as bases para a convocatoria de 15 bolsas para as oficinas de turismo municipais

A redución do desemprego xuvenil e a inserción laboral das mozas e mozos da provincia de Pontevedra constitúe un dos retos máis importantes para o novo goberno da Deputación. Por este motivo, a Xunta de Goberno da institución provincial aprobou a adxudicación de bolsas do plan de práctica laboral para que 200 mozas e mozos poidan realizar prácticas remuneradas, por un período de ata un ano, nos servizos da Deputación de Pontevedra e nos concellos da provincia de menos de 50.000 habitantes durante o 2016.
Estas bolsas, ás que a institución destina máis de 2 millóns de €, están dirixidas a persoas tituladas universitarias e de grao superior de formación profesional, sen experiencia laboral previa, coa finalidade de promover e completar a súa formación académica en áreas de coñecemento ou actividades que poidan facilitar a súa futura incorporación ó mercado laboral.
Por outra banda, e tamén na mesma liña de fomento do emprego e inserción laboral, a Xunta de Goberno da Deputación aprobou as bases que regulan a convocatoria de 15 bolsas de práctica laboral para que persoas graduadas ou diplomadas en turismo, técnicas superiores en información e comercialización turística e técnicas superiores en guía, información e asistencias turísticas poidan atender as oficinas de turismo municipais da provincia durante o 2016.
Dez das quince bolsas serán de tres meses, do 15 de xuño ó 14 de setembro, nos concellos de A Guarda, A Illa de Arousa, Meis, Marín, Moaña, O Grove, Ribadumia, Silleda, Soutomaior e Vilanova de Arousa e cinco das quince bolsas serán de cinco meses, do 15 de xuño ó 14 de novembro, nos concellos de A Illa, Cangas do Morrazo, Nigrán, Sanxenxo e Vilagarcía.
As persoas interesadas en optar a unha das quince bolsas deberán realizar a pre inscrición a través da web da Deputación de Pontevedra e presentar o xustificante electrónico nun prazo de 10 días hábiles contados a partir do seguinte ó da publicación da convocatoria no BOPPO. Unha vez rematado o prazo, a institución provincial realizará un proceso de selección que comprende a valoración da documentación e un exame tipo test sobre os recursos turísticos da provincia de Pontevedra.
A Deputación de Pontevedra destina a esta actuación un investimento de preto de 46.000 € asignando unha dotación mensual de 800 €/mes por persoa diplomada ou graduada e 700€/mes para técnicas e técnicos superiores.
Estas dúas actuacións encamiñadas ó fomento do emprego e inserción laboral das mozas e mozos da provincia que aprobou a Xunta de Goberno ascenden a 2.046.000 € ós que hai que sumar os 700.000 € destinados ó plan de práctica laboral en empresas, que se aprobou a comezos deste mes de abril e que beneficiará a 400 persoas, así como os 9 millóns de € dirixidos a empregar a 1.162 persoas nos concellos grazas ó Plan Concellos 2016.
En resumo, a Deputación de Pontevedra, en menos de catro meses de 2016, investiu xa preto de 12 millóns de € destinados a crear directamente máis de 2.100 empregos e prácticas laborais. Desde que o novo goberno chegou a institución son máis de 15 millóns de euros e 3.327 postos .

Deja un comentario