+034 986 09 02 04 Luns 24 de Xuño de 2019

O PP acusa ao alcalde de Ponteareas de facer seu o proxecto de ampliación da Senda do Tea desde Padróns a Fozara


 

Despois do anuncio realizado polo Alcalde, nestes últimos días, nos medios de comunicación, sobre o inicio da obra de ampliación da Senda do Tea desde Fozara ata Padróns, un tramo que segundo as súas propias palabras “non agresivo”, o Partido Popular quere deixar claro que o proxecto aprobado polo anterior goberno popular xa evitaba pasar por zonas inundables.
Polo tanto, unha vez máis o Sr. Represas pretende facer seu un proxecto aprobado e co financiamento conseguido polo anterior goberno, tratando de enganar, unha vez máis, aos veciños con falsas afirmacións, como que “este é un proxecto distinto do que fora iniciado polo goberno anterior”.
Segundo o PP, o Sr. Represas sabe moi ben que o proxecto de ampliación da Senda Padróns-Fozara, por suposto, non pasa por ningunha zona inundable e que se trata do proxecto aprobado polo goberno anterior. Proxecto que dende o primeiro momento da súa redacción xa cumpría esta condición, e o único cambio que daquela se incorporara fora a ampliación da senda ate a ponte de San Xoán.
Ademais, o PP quere deixar claro que foi tamén o goberno anterior quen xestionou tódalas autorizacións necesarias para a súa execución (Confederación Hidrográfica Miño-Sil e Xunta de Galicia) e foi tamén quen conseguiu o financiamento necesario para a súa realización (216.000 euros, 100% de fondos da propia Deputación), así como a implicación e colaboración indiscutible dos veciños e veciñas das parroquias de Padróns e Fozara para a consecución dos terreos necesarios para a execución desta obra que unirá a senda dende Ponteareas ata Mondariz, pasando por Mondariz Balneario.
Tamén, este proxecto aprobado polo PP leva incluído unha importante actuación no entorno da área recreativa do Cristo do Piñón, a petición dos veciños de Chan de Gándara (Padróns), na que se tratará de poñer en valor dita zona.
Para rematar, dende o PP queremos manifestar a nosa satisfacción de que por fin o goberno municipal se decidise a pór en marcha este proxecto xa aprobado polo anterior goberno, e o único que lles quedaba por facer, dende que están no goberno, despois de moitos meses en stand by, era licitar dita obra.
Dende o PP queremos denunciar a actitude deste goberno que despois de moitos meses de espera para que tomase por fin a decisión de licitar a obra, intenten buscar desculpas afirmando que o proxecto é distinto, cando saben perfectamente que isto é falso, xa que tanto as autorizacións como os terreos dispoñibles corresponden ao proxecto xa aprobado polo goberno anterior, e de existir algún pequeno cambio de trazado precisarían de novas autorizacións e da dispoñibilidade doutros terreos.
Por último, respecto ao tramo da Senda dende Ponteareas ata Padróns, dende o PP pídeselle ao goberno local que, dunha vez por todas, acondicionen e reparen todas aquelas zonas danadas para que o antes posible os usuarios poida transitar con total seguridade, xa que son moitos os veciños e veciñas do noso concello e de fóra que a utilizan.

Deja un comentario