+034 986 09 02 04 Luns 20 de Novembro de 2017

A Xunta destina 250.000 euros a catro concellos da comarca de Pontevedra a través das ordes de Fondo de Compensación Ambiental e Infraestruturas de Vicepresidencia


 

A Xunta reitera así o seu compromiso coas administracións locais destinando un total de 3,1 millóns de euros aos municipios da provincia de Pontevedra
 Cotobade, Ponte Caldelas, A Lama e Campolameiro levarán a cabo melloras de saneamento, conservación de fontes e reformas de parques infantiles

Pontevedra, 2 de maio de 2016.- O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, destacou esta mañá que a Xunta, a través de Vicepresidencia destinará 250.000 euros a catro concellos da comarca de Pontevedra grazas as ordes de Fondo de Compensación Ambiental e Infraestruturas.

Os concellos beneficiados na comarca de Pontevedra por estas dúas ordes de subvencións son Ponte Caldelas, Campolameiro, A Lama e Cotobade. Neste senso, os tres primeiros contarán con axudas a través da orde de Mellora das Infraestruturas, Dotacións e Equipamentos vinculados á prestación de Servizos Municipais, mentres que Cotobade A Lama contará con subvencións a través do Fondo de Compensación Ambiental non Competitivo, ao igual que Cotobade que ademais contará tamén con axudas da liña competitiva.

Deste xeito, Ponte Caldelas desenvolverá labores de reforma dos parques infantís e Campo Lameiro mellorará os camiños do núcleo de San Isidro. Cotobade levará a cabo o saneamento do lugar de Pazos, así como conservará fontes e lavadoiros municipais. A Lama, pola súa banda, reformará o parque infantil de Verducido.

Mellora infraestruturas e equipamentos
A nivel provincial, a orde de subvencións da Vicepresidencia, para a creación e/ou mellora das infraestruturas, dotacións, instalacións e equipamentos vinculados á prestación de servizos municipais destinadas a concellos galegos en 2016, cofinanciada polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER), no marco do Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia, conta cunha axuda global de 1,7 millóns de euros.

Este programa, ao igual que a Xunta de Galicia, ten entre as súas prioridades “a mellora da calidade de vida nas zonas rurais” e por iso o Goberno galego decidiu apoiar economicamente a aquelas actuacións cuxo obxectivo sexa mellorar as infraestruturas e equipamentos de uso público e, por tanto, dos servizos municipais que os concellos prestan aos seus veciños e veciñas.

As actuacións subvencionables baixo esta orde son proxectos de construción, mellora, ampliación ou rehabilitación de espazos públicos -prazas, paseos, rúas, parques públicos e parques infantís-; edificios ou dependencias municipais destinados á prestación de servizos administrativos; e instalacións deportivas de uso público; así como as súas respectivas dotacións de equipamentos. Ademais, tamén eran subvencionables as instalacións, ampliacións e melloras das redes de alumeado público e a pavimentación de vías municipais que non estean incluídas no programa de mellora de camiños do concello beneficiario

Fondo de Compensación Ambiental
En relación á liña de axudas en réxime de concorrencia competitiva e non competitiva do Fondo de Compensación Ambiental, destínase máis de 1,1 millóns de euros aos municipios pontevedreses. Estas subvencións destinaranse a desenvolver proxectos relacionados coa recuperación mediambiental do territorio galego; en ámbitos tan importantes como a mellora do saneamento e depuración de augas residuais, abastecemento dos suministros de auga potable, eficiencia enerxética, recuperación de espazos naturais ou dotación de medios materiais e humanos para a conservación ambiental, entre outras moitas actuacións.

Os concellos que contan con liña non competitiva na provincia son Agolada, Arbo, Caldas de Reis, A Cañiza, Catoira, Cerdedo, Cotobade, Covelo, Cuntis, A Estrada, Forcarei, Fornelos de Montes, Lalín, A Lama, As Neves, Rodeiro, Silleda, Vila de Cruces e Vilagarcía de Arousa.

Deste xeito, a orde inclúe dúas liñas de axudas diferenciadas. A liña en concorrencia non competitiva está destinada a aqueles concellos que albergan no seu territorio instalacións de aproveitamento eólico cun total de 832.700 euros de subvención. Pola súa banda, á liña competitiva puideron optar a totalidade das entidades locais galegas que contan con proxectos medioambientais axustados á convocatoria. Nesta liña, os concellos da provincia de Pontevedra recibiron 305.000 de euros.

“O Fondo de Compensación Ambiental é unha iniciativa que o Goberno da Xunta puxo en marcha en 2010 e que permitiu que por vez primeira os concellos galegos puideran beneficiarse directamente da explotacións eólicas, posto que as actuacións que se realizan son financiadas a través do canon eólico”, matizou Cores Tourís.

Ademais, este Fondo reflicte un triplo compromiso da Xunta: co medio ambiente -está dirixido a actuacións ambientais-, coas facendas locais, xa que representa un importante ingreso para as arcas municipais; e por último co reequilibrio territorial, xa que a maioría dos concellos beneficiados atópanse en zonas rurais do interior de Galicia.

Deja un comentario