+034 986 09 02 04 Luns 22 de Outubro de 2018

Andrés Díaz participou na xuntanza de alcaldes na que Abel Caballero anunciou a aceptación das condicións para a posta en marcha


Ponte Caldelas podería comezar a beneficiarse do servizo de transporte da Área Metropolitana de Vigo cara finais de ano
O alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz Sobral, participou hoxe na xuntanza dos municipios interesados en integrar a Área Metropolitana de Vigo co obxectivo inmediato da posta en marcha do servizo de Transporte Metropolitano na área Sur e centro da provincia. A xuntanza, presidida por Abel Caballero, serviu para anunciar un calendario que, de non producirse atrasos, podería significar a entrada en funcionamento do dispositivo cara finais de ano.
Andrés Díaz foi invitado pola Alcaldía de Vigo en calidade de alcalde dun dos municipios que están a valorar a súa entrada nesta novidosa agrupación supramunicipal que parte, en principio, con 14 “socios”.
O acordo adoptado hoxe en Praza do Rei significa, de feito, o desbloqueo para que a Xunta de Galicia aprobe a lei reguladora da Área Metropolitana. Segundo o calendario adiantado, agárdase que o próximo mes de outubro se celebre a asemblea constituínte. Nesa mesma sesión trataranse as solicitudes de nova adhesión, entre elas a de Ponte Caldelas.
Durante a xuntanza, Abel Caballero informou que, como presidente da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) vai solicitar que as áreas metropolitanas, como agrupacións municipais recoñecidas constitucionalmente, dispoñan de financiamento propio a través do Estado e das Comunidades Autónomas. Andrés Díaz apoia a proposta pois considera máis funcionais estas entidades locais que as fusións de concellos que, tal e como están a xurdir, non pasan de meras anécdotas, pensadas de costas aos intereses dos veciños e sen acreditar ningunha mellora ou aforro na prestación dos servizos. Mentres non haxa fusións racionais, feitas para acadar estándares de poboación e funcionalidade municipal, esa é unha vía fracasada, afirmou.
O alcalde de Ponte Caldelas explicou que tras a inauguración da conserveira Orbe (e moi próximamente a auxiliar da automoción Aludec) no polígono da Reigosa, resulta indudable a relación sociolaboral con Vigo. Hai traballadores dun municipio con posto laboral no outro e viceversa, polo que o axeitado é que os concellos poñamos os medios para facerlles a vida máis cómoda. O transporte público, funcional e asequible é básico. Especialmente para o Concello de Ponte Caldelas, recalcou Díaz, porque un dos eixes da política municipal deste mandato é seguir crecendo en poboación nun contexto de forte recesión demográfica en toda a bisbarra.
Andrés Díaz recalcou que a Área Metropolitana é un “club de concellos” que ofrece un catálogo dunha ducia de servizos nos que se poden obter importantes aforros ao tempo que mellora a calidade. A Ponte Caldelas, subliñou, interésalle o transporte o antes posible e, de cara a 2017 (data de remate da actual concesión) a recollida e transporte de lixo. Sen desbotar outras opcións en función dos custos e os intereses dos veciños e veciñas.
A Área Metropolitana de Vigo é unha ferramenta útil que está ao noso alcance e o responsable é utilizala, recalcou.

Deja un comentario