+034 986 09 02 04 Luns 24 de Xuño de 2019

O PP leva ó pleno a modificación urxente do imposto de plusvalías para que as herdanzas de pais a fillos estean bonificadas nun 95%


Con esta medida, cando un veciño do noso Concello reciba unha herdanza dos seus pais, non terá que pagar polo incremento do valor dos terreos e vivendas que recibe
O Partido Popular vén de presentar unha Moción ó Pleno da Corporación Municipal para que o Goberno leve a cabo a modificación da Ordenanza Fiscal do Imposto sobre o incremento do Valor dos Terreos de Natureza Urbana, co fin de que se estableza unha bonificación do 95%, tal e como permite a Lei, e os nosos veciños, no caso das herdanzas, non se vexan obrigados a pagar cantidades no imposto, que en moitas ocasións non son asumibles.

Cando recibimos unha vivenda en herdanza, existe o Imposto de Sucesións e a maiores existe outro tipo impositivo municipal que é o Imposto do Valor dos Terreos de Natureza Urbana (ou plusvalía municipal).

No caso do Imposto de Sucesións en Galicia, a Xunta de Galicia, dende o 1 de xaneiro deste ano, aprobou unha importante rebaixa no mesmo, de xeito que os primeiros 400.000 € das herdanzas de ascendentes, descendentes ou cónxuxes estarán exentas, fronte ós 125.000 € que era ata agora por cada herdeiro.

No caso do Imposto do Valor dos Terreos de Natureza Urbana, este grava o incremento do valor que experimentan ditos terreos sempre que teñan carácter urbano (os rústicos non están suxeitos) e que se pon de manifesto a consecuencia da transmisión da propiedade, tanto na compra – venda como no caso das herdanzas. A contía a pagar calcúlase sobre o valor catastral e o número de anos que se tivo en propiedade o inmoble.

Segundo a Concelleira do Partido Popular, Belén Villar, é importante que na ordenanza municipal do Concello de Ponteareas se recolla esta bonificación do 95%, para que aquelas persoas que reciban unha herdanza non teñan que pagar polo incremento do valor dos terreos urbanos, porque moitas veces un veciño recibe un patrimonio dos seus pais e non ten diñeiro para pagar o imposto, co cal ou ben renuncia á herdanza ou ben ten que malvender algunha das propiedades para poder pagar o imposto.
Esta medida non afecta de xeito significativo ás arcas municipais nin ó equilibrio orzamentario do Concello, e xunto con outras medidas xa adoptadas polo goberno popular en anteriores lexislaturas, como a baixada do tipo impositivo para o IBI (Imposto de Bens Inmobles) ó 0,4%, que é o mínimo legal a aplicar, supón continuar na liña de reducir as porcentaxes que se pagaban con anterioridade, e que é a liña na que o noso Concello debe estar despois do esforzo feito nos últimos anos para conseguir a débeda cero.

Este imposto de plusvalías está en vigor no noso Concello dende o ano 2000 e agora é posible aplicar esta bonificación porque a Lei así o contempla e porque o noso Concello, despois da adopción das medidas dun Plan de Saneamento aprobado na lexislatura pasada, está en condicións de asumir esa reducción impositiva.

Deja un comentario