+034 986 09 02 04 Domingo 16 de Decembro de 2018

O concello de Bueu organiza o 1º Torneo Escolar de Cachiza, nunha labor de recuperar este deporte tradicional


Nos últimos anos, o Concello de Bueu vén apostando forte na recuperación do deporte tradicional da cachiza ou billarda. Seguindo con esa labor de dar a coñecer este xogo entre as novas xeracións, a concellaría de deportes, dirixida por Manuel Otero, organiza este sábado, 7 de maio, a final do I Torneo Escolar Municipal de Cachiza, dirixida aos alumnos e alumnas de 5º e 6º de Primaria dos centros escolares do municipio.
A xornada final terá lugar entre as 11 e as 13 horas no Campo da Estacada (no caso de chuvia trasladarase ao pavillón de Beluso) e disputaranse un equipo de entre seis e dez xogadores/as de cada un dos centros educativos: CEIP Montemogos, CEIP A Pedra, CEIP A Torre de Cela, os cales obtiveran os mellores resultados individuais nas xornadas iniciais de cada colexio.
Tal e como declarou Manolo Otero, a sección de cachiza do Club de Atletismo Corredoiras facilitará o material preciso para o desenvolvemento da competición así como o asesoramento técnico – deportivo, ademais de que se trasladará aos compoñentes dos equipos de Cela e Beluso desde cada centro á ida (10.30 h.) e á volta (13.15 h.).
A cachiza ou billarda é un dos deportes tradicionais que máis se viña practicando no pasado coa chegada do bo tempo. O material de xogo necesario son dous paus, un máis curto que se coñece como “cachiza”, que ten unha lonxitude de 18 a 25 cm e entre 1.5 e 3 cm de diámetro ou grosor, e outro máis longo, o “pateiro”, que debe ter entre 50 e 60 cm de lonxitude e un grosos idéntico á cachiza.

Deja un comentario