+034 986 09 02 04 Mércores 22 de Agosto de 2018
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

Xosé Leal: “esta programación é un exemplo de traballo asociativo e colaboración institucional”


O deputado provincial de Cultura e Lingua participou na presentación da Semana das Letras Galegas da Illa de Arousa, que rematará cunha actuación do programa do Ano Castelao

“Esta programación é un exemplo de traballo asociativo e apoio institucional, de colaboración entre a sociedade e a Administración para poñer en valor unha data como o Día das Letras Galegas, que ten que ir máis aló dun mero acto institucional e implicar a toda a toda a poboación” asegurou o deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal, na presentación da Semana das Letras Galegas da Illa de Arousa. As actividades presentadas esta mañá comezarán o venres 13 de maio coa presentación do libro de Xurxo Souto ‘Contos do mar de Irlanda’, e rematará o sábado 21 co concerto do cantautor Tino Baz. Este concerto forma parte do programa de actividades do Ano Castelao, mediante o cal a Deputación está levando actuacións polos 62 concellos da provincia.
A programación inclúe xogos populares, recitados de poemas por parte do alumnado de primaria e secundaria dos centros educativos da Arousa e que serán musicados pola Escola de Música Municipal, a apertura da tempada da A.C.D. Dorna e un concerto de Luis Emilio Batallán. Para dar conta deste programa semanal, reuníronse na Casa do Concello da Illa de Arousa o director do Colexio Torre, Carlos J. Lorenzo, a directora do IES, Yolanda Casas, o director da Escola de Música, Lucas Meda, no nome da A.C.D. Dorna, Teresa Romay, as concelleiras de Cultura e Xuventude, Rosi Viana e Salomé Franco, o alcalde, Carlos Iglesias, e o deputado Xosé Leal.
Leal felicitou a todas as entidades participantes na organización destas actividades salientando que “un día tan importante para a nosa lingua debe ser homenaxeado polo conxunto da sociedade, para que o idioma se siga mantendo vivo e con dinamismo, e vese que neste concello afortunadamente goza de boa saúde”. O deputado provincial destacou ademais que a actividade coa que colabora a Deputación “é un concerto dun cantautor que foi elixido precisamente por tanto como lle canta ao mar, igual que moitos dos poemas de Manuel María, que é unha temática que se encadra moi ben nun lugar como a Illa de Arousa”. Ademais, o deputado de Cultura e Lingua salientou, unha vez máis, o espírito de colaboración da Deputación coas entidades locais asegurando que “é a nosa obriga estar ao lado dos concellos coa man tendida para complementar e apoiar na medida das nosas posibilidades as súas programacións culturais”. Ademais, e co obxectivo de contribuír á difusión da obra do autor homenaxeado no Día das Letras deste ano, Xosé Leal fíxolle entrega ao alcalde, Carlos Iglesias, dun exemplar do libro-disco ‘Os soños na gaiola’, no que Suso Vaamonde pon música aos poemas do libro de Manuel María do mesmo título. Un libro que desde o departamento provincial de Cultura e Lingua se fará chegar a todos os concellos na provincia.
Hai que lembrar que o concerto de Tino Baz forma parte do ciclo ‘Cantos de preto e de lonxe’ co que se trata de poñer en valor a relación de Castelao coa música, unha das múltiples disciplinas artísticas ás que se dedicou o multifacético autor de Rianxo, e tamén coa emigración, ao incluír na programación estilos musicais de diversa procedencia. Tino Baz é un dos catro cantautores que participan na programación -os outros tres son Alba María, Emilio Rúa e Manoele de Felisa-.

Deja un comentario