+034 986 09 02 04 Venres 18 de Setembro de 2020

Un paso de peóns despintado ocasiona un atropelo grave en Puxeiros


O Concello de Mos urxe á Deputación que lle poña solución a deficiencias coma esta nos viais provinciais, que están a poñer en perigo a seguridade dos veciños mosenses
A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e o concelleiro de Vías e Obras, Luis Alonso, denunciaron a deixadez da Deputación de Pontevedra respecto dos viais provinciais ó seu paso pola localidade mosense. Constatemente dende a Alcaldía estanse a remitir constantemente escritos coas deficiencias plasmadas nun informe técnico municipal que tamén foi enviado á administración provincial. E incluso se aprobou en Pleno da Corporación Municipal mosense unha moción a este respecto na que se instaba á Deputación a solventar as deficiencias dos viais provinciais.
Ademais a alcaldesa reuniuse o mes pasado a este respecto co deputado de Mobilidade, responsable das estradas provinciais, Uxío Benítez, así como con técnicos da Deputación e fíxolles entrega do mencionado informe valorado de deficiencias nos devanditos viais, elaborado polo propio Concello de Mos. Solicitando e urxindo, durante dito encontro, que se solventasen as mesmas.
Pois ben, un dos aspectos que máis se urxía entre as demandas municipais á administración provincial era a renovación do pintado de pasos de peóns na estrada Puxeiros-Peinador, dada a case nula visibilidade dos actuáis, constituíndo un perigo polo intenso tráfico da vía e o importante número de persoas que a diario transitan polas inmediacións, onde se atopan a Axencia de Colocación, así coma numerosos negocios de hostalería, entidades bancarias, oficina de Correos, talleres, etc. O último dos escritos neste sentido remitiuse o pasado 7 de abril sen obter ningún tipo de resposta nin actuación por parte da Deputación, tendo que lamentar o día 3 de maio un accidente grave acontecido en Puxeiros e causado por atoparse o paso de peóns despintado na súa práctica totalidade.
Tras o acaecido, e de inmediato, procedeuse a remitir á Deputación de Pontevedra o 4 de maio informe da Policía Local de Mos que acredita o mal estado dos pasos de peóns nesta estrada provincial. En base a dito informe dende o Concello achácaselle a causa do sinistro ó estado de dito paso que, tal e como consta literalmente no informe policial, “produciuse un atropelo nun paso de peóns da EP2603 con lesións graves para a atropelada sendo trasladada nunha ambulancia UVI móvil con pronóstico grave. No lugar, o condutor do turismo declara non terse percatado do paso de peóns pois prácticamente é invisible, non se ven as marcas viais. Por parte do axente firmante e doutros compañeiros da Policía Local de Mos son diversas as reclamacións recibidas dos usuarios desta vía, pois nos pasos de peóns non se aprecia onde están as marcas viais dos mesmos. Polo exposto solicítase se tomen as medidas necesarias para solucionar o problema do pintado, para non ter que lamentar novas desgracias”.
A este respecto a rexedora local mosense declarou que “esperamos que nesta ocasión sí se fagan eco desta petición de importancia vital dende a Deputación de Pontevedra, de cuxa titularidade é esta estrada, da que xa lles urxíramos en numerosas ocasións o pintado deste paso de peóns en Puxeiros que lamentablemente non se pintou e tivemos que ser testemuñas do desafortunado atropelo sucedido recentemente no mesmo; ogallá agora se actúe dende a administración provincial e non volva suceder un accidente coma este”, concluiu Arévalo.

Deja un comentario