+034 986 09 02 04 Domingo 18 de Novembro de 2018

O sábado 14 de maio celebrarase a XIII Andaina Tudense Solidaria


Os participantes percorrerán 26 quilómetros nesta camiñada que doa parte da recadación ao centro San Xerome Emiliani

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, xunto co concelleiro de Deportes, Laureano Alonso, e os responsables do club AndaTui, Xosé Manuel Novoa e José Martínez Tato, presentaron hoxe venres a XIII Andaina Tudense Solidaria que recorrerá o centro de Tui e ascenderá ao Parque Natural do Monte Aloia, onde os participantes xantarán nun entorno natural único.
O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, sinalou que a andaina permite “descubrir o entorno natural e histórico de Tui o cal é moitas veces un auténtico descoñecido incluso para os tudenses”. A actividade, que espera reunir a máis de 300 participantes, percorrerá 26 quilómetros dos cales 9,5 son de subida cunha dificultade media. O concelleiro de Medio Ambiente e responsable do Club AndaTui, José Martínez Tato, destacou que na andaina que “naceu coa idea de percorrer todo Tui até chegar ao Monte Aloia búscase renovar cada ano os percorrido para coñecer novas rutas do entorno”.
Laureano Alonso, concelleiro de Deportes, non quixo deixar pasar a oportunidade para amosar a súa “alegría ao saber que a actividade axudará aos rapaces do Colexio San Xerome Emiliani” ao que se destina parte da recadación. Neste senso, o alcalde quixo agradecer o traballo de AndaTui e o apoio das casas colaboradoras sen os cales “sería imposible” levar a cabo esta andaina solidaria.
O percorrido comezará no Centro Intefederado de Tui as 10:30 horas do sábado 14 de maio e percorrerá a rúa Compostela, pasará por Pazos de Reis e comezará a subida ao Monte Aloia en Frinxo. Tralo xantar, baixarase pola cara oeste do monte que permitirá desfrutar das vistas ás Illas Cíes e á ría de Vigo. Durante o camiño tamén se pasará por puntos de incrible valor natural como o regato Taberne. Ao rematar, haberá unha chourizada así como unha carreira de aros.
Así mesmo organizarase un concurso fotográfico entre as instantáneas que tomen os participantes durante o percorrido.
Os interesados poden inscribirse até o próximo 12 de maio cun prezo de 12 euros. Para acadar máis información pódese visitar a web www.andatui.es ou contactar co teléfono 607 785 601.

Deja un comentario