+034 986 09 02 04 Luns 06 de Xullo de 2020

Nava Castro destaca a importancia do primeiro Foro do Centro Superior de Hostalería de Galicia como escaparate da gastronomía galega


Sinala que o evento converterá ao Centro Superior de Hostalería de Galicia no epicentro gastronómico

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, inaugurou esta mañá o Primeiro Foro Gastronómico do Centro Superior de Hostalería de Galicia (CSHG), o Gastroforum 2016, que se celebra ata mañá na capital galega, dando cita a importantes profesionais do sector.

Nava Castro presentou o evento como “escaparate da gastronomía galega” e dixo que converterá ao CSHG en “epicentro gastronómico”. Así mesmo, a directora subliñou a importancia desta primeira edición, que pon de manifesto a calidade dos produtos e dos profesionais galegos. De feito, Nava Castro lembrou que a gastronomía xa é un importante reclamo turístico para Galicia posto que é o segundo motivo polo que os turistas escollen a nosa Comunidade, despois dos recursos naturais.

Neste sentido, a directora explicou que, en Galicia, a importancia do turismo gastronómico queda patente nos máis de 5.300 restaurantes -moitos deles con importantes galardóns de carácter nacional e internacional: 59 son Q de Calidade Turística, 13 contan coa Estrela Michelin e 26 restaurantes suman 37 Soles Repsol- e nas máis de 300 festas gastronómicas -52 delas de interese turístico nacional ou galego-

Así mesmo, Nava Castro enxalzou a importancia de desenvolver iniciativas como o Gastrofórum, que “impulsen o intercambio de experiencias” e sirvan de foro de debate no sector sobre as novidades, preocupacións e novos modelos de restauración. Nesta liña, explicou que a actividade tamén será de gran valor para que os alumnos do Centro aprendan da experiencia que os grandes profesionais lle poden achegar.

Actividades do Gastrofórum
O Gastrofórum desenvólvese hoxe e mañá nas instalacións do CSHG, en Santiago de Compostela. Nel participan prestixiosos cociñeiros e profesionais da hostalería e da restauración de Galicia como Pepe Solla, Sacha, Marcelo Tejedor, Héctor López, Javier Olleros, Caco, Luis Vieira ou Chef Rivera, entre outros.

No marco desta primeira edición, o foro acollerá tertulias de debate sobre a gastronomía galega e os seus produtos, a fusión, a tradición e os novos modelos de restauración así como catas de viños galegos, augardentes e licores e degustacións doutros produtos da terra coma queixos ou aceite. Así mesmo, este evento gastronómico tamén inclúe talleres de cociña a cargo de grandes profesionais galegos.

Deja un comentario