+034 986 09 02 04 Domingo 16 de Decembro de 2018

Bueu presenta un variado programa das Letras Galegas que se estende máis alá do 17 de maio


Entre as actividades haberá un concerto de Tino Baz, unha mesa redonda sobre xornalismo en galego, recital poético e actividades para a infancia
As celebracións do Día das Letras Galegas arrincan en Bueu o vindeiro venres, 13 de maio, cun concerto de Tino Baz, quen presenta a partir das 21.30 horas o seu espectáculo “Cantos de preto e de lonxe” no Centro Social. Esta actividade insírese na programación do Ano Castelao da Deputación de Pontevedra e será a posta en marcha perfecta para os actos de celebración do día máis importante da lingua galega no municipio buenense. Así o destacaron hoxe na rolda de prensa Silvia Carballo, concelleira de Normalización Lingüística, Carlos Eirea, concelleiro de cultura, Xosé Leal, deputado de cultura, e Xosé Antón Portela e Xosé Moital, presidente e tesoureiro respectivamente da Asociación Cultural para o Debate Ricardo Gómez Buceta. Ademais, desde este martes e ata o 21 de maio, o Centro Social acollerá unha exposición sobre Manuel María, autor homenaxeado nas Letras Galegas 2016.
O sábado 14 de maio os máis pequenos e pequenas terán unha actuación a cargo de Serafín Marcos “Que Manuel María?”, que se celebrará no Centro Social ás 18 horas.
Ese mesmo día ao remate, en torno ás 19.30 horas, a sala Domínguez Búa acollerá unha mesa redonda sobre o xornalismo en galego, que contará coa participación dos xornalistas Xurxo Salgado, director do medio dixital Galicia Confidencial, e Rocío Castro, xornalista do Sermos Galiza, ademais de Antón Lopo, xornalista e gañador da edición deste ano do premio de xornalismo Johán Carballeira. Neste sentido, Silvia Carballo aproveitou para destacar “ a importancia de facer xornalismo en galego e de manter viva a nosa lingua a través dos medios de comunicación”. Ademais, tamén apuntou que “estas actividades de conmemoración do Día das Letras Galegas veñen a complementar as accións que se organizan durante todo o ano para a defensa da lingua galega”.
O domingo será a quenda do V Festival Poético do Morrazo, organizado en colaboración coa Asociación Cultural ‘Ricardo Gómez Buceta’ e que terá lugar ás 19.30 horas no Centro Social do Mar. No acto, presentarase o poemario “Os fillos da fame” de Ismael Ramos, gañador do Johán Carballeira de Poesía do ano 2015, ademais de “A elegancia do século”, de Pura Tejelo, gañadora da presente edición.
A continuación, estudantes do CEIP A Pedra e do IES Illa de Ons participarán nunha lectura da obra de Manuel María, e xa despois, pecharase o acto co recital poético a cargo dos/as poetas Antía Juncal, Miriam Ferradáns e Leo Campos.
E xa para culminar, o luns 16 de maio farase unha lectura pública na Casa do Concello baixo o lema “O idioma é vida”, na que participarán os concelleiros e concelleiras municipais ademais das persoas que o desexen.
Carlos Eirea destacou a variedade de actos que se estenden máis alá do propio 17 de maio, e que se achegan a todos os públicos. Ao remate, o deputado provincial fixo entrega do libro “Os soños na gaiola” ao Concello de Bueu e ao presidente da Asociación Ricardo Gómez Buceta, xa que desde o ente provincial valoran moito o traballo dos colectivos sociais e culturais.
Estes eventos contan coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística e da Deputación de Pontevedra.

Deja un comentario