+034 986 09 02 04 Domingo 15 de Decembro de 2019

A oficina técnica está a elaborar un informe sobre as obras realizadas na contorna da ponte medieval de Almofrei


A actuación ten solicitada licenza, que estase a tramitar ante Augas de Galicia e Patrimonio, para a conservación e apertura de zanxa

A oficina técnica municipal do Concello de Cotobade está a elaborar, dende o pasado venres, un informe sobre as obras realizadas na contorna da ponte medieval de Almofrei, en concreto na baixada da pista municipal que discorre pola zona. O alcalde, Jorge Cubela, tras ter coñecemento destes traballos, cursou o pasado venres unha providencia ao aparellador municipal para que emita un ditame sobre esta actuación.

As obras realizadas teñen presentada unha solicitude de licenza municipal de obra, pero a mesma aínda non foi aprobada definitivamente, xa que se está a tramitar ante o organismo Augas de Galicia e a Dirección Xeral de Patrimonio, que deben dar o seu visto bo ao tratarse dunha actuación na zona de policía do río e que ademais se sitúa na contorna dunha ponte construída hai cinco séculos.

A petición cursada refírese á realización dunha obra menor consistente en tarefas de conservación e a apertura dunha zanxa.

Polo momento, o Concello de Cotobade prefire apelar á prudencia ata que a oficina técnica municipal emita o seu correspondente informe das obras realizadas e, a partires dese momento, comezar a tomar as decisións que correspondan avaladas polos ditames técnicos. En calquera caso, e atendendo sempre ao informado polos especialistas, podería chegar a abrirse un expediente de reposición da legalidade.

Finalmente, dende o Concello de Cotobade quere lembrarse que a Consellería de Educación e Cultura ten consignados 10.655 euros para a valoración dos traballos de conservación e restauración da ponte medieval de San Lourenzo de Almofrei co obxectivo da súa posta en valor.

Deja un comentario