+034 986 09 02 04 Luns 20 de Novembro de 2017

Nava Castro presenta un novo produto turístico para o xeodestino do Salnés: a Ruta do Pai Sarmiento


O itinerario recupera o trazado realizado por Martín Sarmiento na zona en 1745 e e que quedou plasmado no seu libro ‘Viaxe a Galicia’

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, presentou a Ruta do Pai Sarmiento, un novo produto turístico que se pon en marcha na comarca do Salnés. Trátase dun itinerario que recupera o trazado realizado por Martín Sarmiento na zona en 1745 e que quedou plasmado no seu libro Viaxe a Galicia.

O lanzamento deste novo atractivo turístico é froito da colaboración interadministrativa plasmada no convenio de colaboración asinado recentemente entre a Mancomunidade do Salnés e Turismo de Galicia. O acordo ten como obxectivo impulsar a realización de actividades de promoción do turismo neste xeodestino galego.

A directora de Turismo enxalzou o valor engadido desta nova actividade como un motivo máis para visitar O Salnés, unha comarca chea de posibilidades turísticas a todos os niveis xa que conta con museos, praias de recoñecida calidade, oferta gastronómica, xacementos ou espazos singulares como o Complexo Intermareal Umia-Grove.

Nava Castro desexou que esta ruta se converta nun gran reclamo, nunha nova alternativa de lecer e de atracción turística tanto cultural como espiritual e que se complementa con outras rutas de sendeirismo que hai no territorio como a Variante Espiritual do Camiño.

A directora de Turismo aproveitou para salientar que este ano O Salnés volverá a coller a Volta Ciclista a España, evento deportivo que recorrerá este territorio na súa terceira etapa, discorrendo polos municipios de Sanxenxo, Meaño, Cambados, Vilagarcía ou Vilanova de Arousa, entre outros.

Datos do turismo no xeodestino Ría de Arousa
Con iniciativas como a presentada, Turismo de Galicia procura a promoción turística da Mancomunidade do Salnés da man da Mancomunidade. Neste sentido, Nava Castro apostou polo impacto positivo que está tendo este traballo conxunto no ámbito da Ría de Arousa como xeodestino turístico. Así, explicou que este territorio acolleu en 2015 o 16,8% do total da demanda hoteleira rexistrada en Galicia.

No pasado ano, segundo dixo a directora, o xeodestino da Ría de Arousa rexistrou un incremento do 9,7% nos viaxeiros aloxados en establecementos hostaleiros, situándose preto dos 443.000 viaxeiros, e un aumento do 12,5% nas pernoitas efectuadas polos mesmos, chegando aos 1,29 millóns.

Segundo afirmou Nava Castro, este aumento da demanda tamén se traduciu nun aumento da ocupación de 5,7 puntos porcentuais.

Deja un comentario