+034 986 09 02 04 Xoves 26 de Abril de 2018

Cores Tourís visitou Pontecesures para manter un primeiro encontro institucional co novo alcalde da localidade, Juan Manuel Vidal Seage


O delegado territorial da Xunta en Pontevedra púxose a disposición do rexedor con quen departiu sobre temas relacionados coa potenciación e rehabilitación do entorno do río Ulla

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou esta mañá o concello da Pontecesures para manter un encontro institucional co novo equipo de Goberno local, co alcalde Juan Manuel Vidal Seage á cabeza, cos que analizou varias necesidades do municipio.

O delegado territorial recordou que sempre visita aos novos rexedores dos concellos da demarcación territorial de Pontevedra para manter unha reunión con eles de cara a coñecer cales son as súas demandas e proxectos para os próximos meses. “Así o fixen tralos últimos comicios municipais do pasado mes de marzo, e agora volvo a Pontecesures para felicitar o novo alcalde e ao seu equipo e escoitar as súas preocupacións e demandas”.

José Manuel Cores Tourís púxose a disposición de Juan Manuel Vidal Seage co obxectivo de seguir a executar os proxectos xa iniciados coa administración autonómica, así como con todo o que dependa da Delegación Territorial da Xunta en Pontevedra.

Entre os temas que se analizaron esta mañá atopáronse as obras máis prioritarias para o concello de cara, segundo apuntou Vidal Seage, “a potenciar e revitalizar o río Ulla, eixe vertebrador do noso municipio. Todas as demandas que lle presentamos ao delegado territorial teñen como obxectivo acadar melloras para que gañar en calidade de vida e aumentar a capacidade económica dos nosos veciños”.

O novo rexedor explicou que, nestes intres, o novo equipo de Goberno aínda está a poñerse ao día da situación do concello, e neste senso, estase a traballar xa para potenciar os proxectos máis necesarios para Pontecesures.

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra non quixo rematar o encontro sen recordarlle ao novo alcalde a implicación da administración autonómica no concello de Pontecesures, lembrando as obras realizadas nos últimos anos, como a reposición da cuberta do ximnasio, da electricidade, carpintería e da calefacción do CPI da Infesta; a execución do novo albergue de peregrinos de Pontecesures; a posta en marcha dun punto de venda para a comercialización da lamprea por parte dos valeiros; a achega dun vehículo destinado á xestión de emerxencias e protección do medio ambiente; diversas axudas para mellora da eficiencia enerxética de varias rúas do municipio, e a posta en marcha dun obradoiro de emprego así como diversas melloras no porto como o pantalán do servizo do clube de remo local e a prolongación do pavimento de tres ramplans.

Deja un comentario