+034 986 09 02 04 Mércores 15 de Xullo de 2020

A Festa do Codillo da Lama responde as expectativas e esgota as racións previstas antes de tempo


Os Encerellados puxeron a animación musical e a Asociación Propón ofreceu xogos populares e actividades para os nenos e nenas na sobremesa

A gran afluencia de público certificou o éxito dunha nova edición da Festa do Codillo da Lama que converteu á Alameda nun recinto de degustación masiva deste produto típico da gastronomía galega, preparado a modo de “codillo estofado con patacas asadas e guarnición”. A organización esgotou por completo, e antes do tempo previsto, as racións preparadas pola empresa Cátering Arelas, de Gondomar, e vendidas ao prezo do 12 euros.

O alcalde da Lama, Jorge Canda Martínez, recibiu á presidenta da Deputación, Carmela Silva, ao deputado Santos Héctor e ao seu homólogo de Ponte Caldelas, Andrés Díaz, que tamén se achegaron ata esta festa para comprobar o respaldo masivo que ten e o ambiente popular que se respira nesta celebración.

O bo tempo e a afluencia masiva de persoas a este evento non só por parte de veciños do municipio da Lama senón de gran número de visitantes de toda a provincia converteu nun éxito de participación a presente edición da Festa do Codillo da Lama que chegou a ocupar os asentos habilitados debaixo de dúas carpas xigantes que cubrían todo o recinto da praza.

A organización habilitou dúas carpas, en lugar dunha como viña sendo habitual, e conseguiu que se enchesen todos os asentos habilitados para o gozar do evento. Tamén os establecementos situados nas inmediacións estiveron tamén abarrotados de público e os postos de polbo, empanadas e demais produtos galegos de calidade atenderon a demanda dos asistentes.

O alcalde da Lama, Jorge Canda, que colaborou en todo momento cos membros da organización para atender ao gran número de persoas que se deron cita neste evento gastronómico, valorou moi positivamente a participación e afluencia de xente para asegurar que “este ano habilitamos máis mesas e bancos para poder atender a gran demanda de xente que prevíamos ía rexistrar, debido á experiencia do ano pasado e a que esta celebración vai en aumento cada ano. Nesta ocasión cumpríronse sobradamente as expectativas e creo que mantivemos moi alto o listón”.

A FESTA DO CODILLO, CARTA DE PRESENTACIÓN TURÍSTICAS PARA O MUNICIPIO DA LAMA

Ademais de poder degustar o popular codillo acompañaron esta xornada de exaltación gastronómica unha exposición de motovespas e a música e o bo humor da Charanga Vos Encerellados, de Campolameiro así como unha serie de actividades para nenos e nenas desenvolvidas na sobremesa pola Asociación Xuvenil Propón.

Finalmente, o alcalde da Lama, Jorge Canda, sinalou que a gran afluencia de público, sobre todo doutras partes da provincia, “non só é bo para potenciar a imaxe e as potencialidades turísticas e gastronómicas do noso municipio senón que as persoas que veñen ata aquí non só van á Festa do Codillo, senón que aproveitan a súa estancia para visitar os arredores, fan turismo en contacto coa natureza e dinamizan tamén a economía local consumindo nos establecementos situados no noso municipio”.

Deja un comentario