+034 986 09 02 04 Martes 23 de Outubro de 2018

Máis de 4.000 persoas gozaron da actuación de Panorama, preludio da 50ª edición da Festa da Troita


O agardado concerto contou cunha boa organización e unhas condicións meteorolóxicas óptimas

A música de Panorama fixo vibrar Ponte Caldelas durante a noite de onte, 17 de maio e Día das Letras Galegas. O agardado concerto, que tivo que ser aprazado ata en dúas ocasións por mor das malas condicións meteorolóxicas, gozou dunha noite magnífica e dun ambiente festivo que fixo as delicias dun público entregado.
O Concello de Ponte Caldelas calcula que os asistentes superaron as 4.000 persoas a partir dos datos da Policía Local e da ocupación do recinto de Chan da Barcia, que estaba completamente cheo. A presencia dun operativo de Protección Civil e da Policía Local especialmente deseñado para a ocasión permitiu que todo transcurrira sen ningunha incidencia. Tamén se habilitou unha finca, cedida temporalmente polos veciños, para proporcionar facilidades de aparcamento.
O alcalde, Andrés Díaz, asistiu ao espectáculo acompañado do resto dos membros do equipo de Goberno e gozou en primeira persoa dun espectáculo que convertiu a Caldelas nun referente para toda a bisbarra, pois foi notoria a presenza de público chegado de concellos dos arredores.
A actuación comezou sobre as 21.30 horas, momento ata o que un DJ encargouse de caldear o ambiente. A música durou ata as 12.30 horas, un pouco máis tarde do previsto. Foi un espectáculo para todos os públicos e mesmo incluíu a interacción cos máis cativos cando os membros da orquestra disfrazáronse dos personaxes dos Miniums.
Andrés Díaz, en nome das tres forzas políticas do Goberno de Ponte Caldelas, agradeceu a Panorama a súa disponibilidade para “salvar” este concerto e destacou que xa queda todo listo para a celebración da 50ª edición da Festa da Troita, que chegará durante a fin de semana dos próximos días 28 e 29 deste mes. Un evento que se está a promocionar cun amplo programa de actividades. Entre elas, por primeira vez, inclúense as degustacións que se están a celebrar ao longo de todo este mes nas Casas do Pobo do municipio e que superaron todas as previsións.

Deja un comentario