+034 986 09 02 04 Venres 25 de Maio de 2018

Preto de noventa persoas examinaranse nas oitavas probas para controladores de accesos a espectáculos públicos e actividades recreativas


As probas terán lugar o vindeiro 26 de novembro na sede da Academia Galega de Seguridade Pública, na Estrada

O Diario Oficial de Galicia vén de convocar as oitavas probas de acceso para obter a habilitación como persoal de control de acceso a espectáculos públicos e actividades recreativas, que terán lugar na sede da Academia Galega de Seguridade Pública, na Estrada, o vindeiro 26 de novembro.

Un total de 88 persoas participaran nas probas para a obtención da habilitación, que consisten na realización dun test psicolóxico e un test de coñecemento sobre as materias relacionadas coas funcións propias da súa actividade.

Esta será a oitava edición, despois de que a principios do ano 2010 o goberno galego regulase por decreto os requisitos que deben cumprir os controladores para exercer as súas funcións. Desde aquela, un total de 755 persoas xa acadaron a habilitación como persoal de control de espectáculos públicos e actividades recreativas nas convocatorias anteriores.

A nova regulación ofreceu melloras para os empresarios do sector da hostalería e os espectáculos públicos, que tiñan reclamado en numerosas ocasións esta medida; para os usuarios e clientes, que viron reforzados os seus dereitos e seguridade e para os propios controladores de acceso, que lograron o recoñecemento e a dignificación da súa profesión.

Desenvolvemento das probas
A proba de coñecementos consistirá en contestar un cuestionario de cincuenta preguntas tipo test, máis cinco de reserva, que versarán sobre temas relativos á Constitución Española, normativa básica do dereito de admisión, follas de reclamacións, posesións de armamento, medidas de seguridade en establecementos de concorrencia pública e primeiros auxilios, entre outros asuntos.

Así mesmo, realizarase un exercicio de tradución dun texto do galego ao castelán que terá carácter voluntario para os aspirantes que coas solicitude entregaran a documentación precisa que acredite ditos coñecementos. Finalizados os exercicios teóricos terá lugar a segunda proba que consiste na realización dun test psicolóxico. Para obter a habilitación deberá obterse a cualificación de apto nas dúas probas.

Deja un comentario