+034 986 09 02 04 Luns 10 de Agosto de 2020

Economía e industria colabora co concello de Ponteareas na reforma do entorno da Praza de Abastos


O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, destacou a importancia de mellorar estes espazos para dinamizar o comercio local

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou o concello de Ponteareas para, en compaña do alcalde da localidade, Salvador González Solla, comprobar as obras de reforma da praza de abastos que están a piques de rematar.

Na visita estivo acompañado polo xefe territorial de Economía e Industria en Pontevedra, Ignacio Rial Santomé e representantes da Federación Galega de Comercio da provincia, do CCA de Ponteareas e responsables do banco NGB.

Tal e como recordou o delegado territorial, a orde da Consellería (do 12 de marzo de 2014) á que se acolleu o concello de Ponteareas, estableceu as bases reguladoras para a subvención de proxectos municipais co obxectivo de mellorar os mercados e prazas de abastos, así como dos espazos do comercio non sedentario, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder Galicia.

O proxecto de Ponteareas supuxo un investimento global de 200.000 euros, dos cales 150.000 foron aportados pola administración autonómica, “é dicir, o 75% do total”, explicou Cores Tourís, quen destacou a importancia deste mercado de abastos que conta con 90 postos “e que é realmente un dinamizador económico para este municipio”.

As obras consisten na mellora da praza de abastos, coa substitución da cuberta do edificio, a instalación de novas canles e baixantes, así como novos canalóns de evacuación de augas e sumidoiros do nivel 2. Tamén se cambiaron as barandas e se executou unha rampa de acceso na fachada principal para mellorar a accesibilidade ao mercado municipal. Ademais, do total da axuda, 1.800 euros destinaranse á formación dos comerciantes a través dun curso de mentoring.

“A adecuación e mellora dos equipamentos públicos comerciais municipais constitúen un elemento clave para o desenvolvemento do comercio”, recordou, o delegado territorial. “Non podemos esquecer que, para estes efectos, as actuacións desenvolvidas polos concellos no ámbito comercial resultan imprescindibles e, moi especialmente, os mercados municipais, que teñen unha singular significación por constituíren espazos de centralidade comercial, que, a miúdo, teñen a capacidade de xerar actividades complementarias ao seu redor, ao tempo que constitúen unha canle de comercialización moi eficaz de produto fresco derivado do mar, a horta e a gandaría”, engadiu.

Por estas razóns, considera Cores Tourís que “é preciso adaptar estes espazos ás necesidades, tanto dos comerciantes como dos consumidores, dende o momento en que os mercados remodelados permiten consolidar unha forma de comercio de proximidade e a rexeneración dun contorno urbano das vilas e cidades”.

Neste senso, “resulta oportuno establecer unha liña de colaboración entre concellos como, neste caso o de Ponteareas, e a Consellería de Economía e Industria de cara a acadar un modelo de calidade baseado nos principios de accesibilidade, sustentabilidade ambiental, organización e xestión de servizos, e convertelos en centros especializados en produtos da compra cotiá, desenvolvendo unha xestión global aos intereses dos comerciantes e dos propios consumidores, creando así tamén unha rede de mercados de Galicia”, explicou o delegado territorial.

Deste xeito, a Xunta impulsou en 2014 actuacións por un total de 5,5 millóns en toda Galicia destinadas a potenciar os mercados de abastos e a impulsar a competitividade do comercio de proximidade, para os que facilitará axudas por un montante global de 3,8 millóns de euros.

En relación á provincia de Pontevedra, as axudas aportadas pola administración autonómica supuxeron case 2 millóns de euros (1.925.785,2 euros), facilitando así a execución de obras e melloras que contemplan un investimento total de 2.781.670,2 euros. “Este montante significa para a provincia de Pontevedra case a metade do total das axudas aportadas pola administración o que ven a demostrar a aposta dos concellos pontevedreses pola modernización e a renovación das súas prazas de abastos”, rematou José Manuel Cores Tourís.

A cafetería Balú, negocio favorito na campaña Máis que comercio
Por outra banda, o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, aproveitou a súa visita a Ponteareas para facer entrega do diploma ao establecemento máis votado dentro da campaña Máis que comecio! que está a organizar a Consellería de Economía e Industria. Neste acto entregáronse tamén os agasallos aos clientes gañadores, Norberto Federico Braña Puente e Eva María Abril Rodríguez que recibiron un cheque de 200 e 100 euros respectivamente.

Deste xeito, os participantes na iniciativa da Consellería de Economía e Industria Centros Comerciais Abertos. Máis que comercio!, que se desenvolveu durante todo o mes de setembro nos negocios asociados ao CCA da Estrada elixiron como o seu establecemento favorito ao café bar Balú.

Este negocio foi o que máis clicks recibiu en www.maisquecomercio.com, web na que os clientes podían participar nun xogo en liña por cada 5€ de compra e optar a diferentes premios ao tempo que elixían o seu comercio preferido.

Esta iniciativa, tal e como salientou o delegado territorial, permite desde o asociacionismo o desenvolvemento de estratexias para a posta en valor da ampla oferta comercial coa que contan as vilas e cidades galegas, en cuxas rúas comparten espazo coas tendas a hostalería e todo tipo de servizos. Do mesmo xeito, resáltanse os valores do comercio de proximidade, como son a calidade, o trato ao cliente ou a variedade.

A iniciativa da Consellería de Economía e Industria, que en Ponteareas roldou as 4.230 participacións (das cales, 1.014 foron as que recibiu o local gañador), está a percorrer Galicia durante todo o ano, desenvolvéndose cada mes en cinco centros comerciais abertos.

José Manuel Cores Tourís lembrou que o impulso ao asociacionismo é un dos eixos da estratexia específica da Consellería de Economía e Industria de apoio ao comercio de proximidade, dentro da cal se inclúe o programa de axudas ás asociacións de comerciantes para a dinamización dos centros comerciais abertos e prazas de abastos.

Deja un comentario