+034 986 09 02 04 Venres 18 de Setembro de 2020

O xornalista Roi Groba pregoa o Corpus con orgullo, gratitude e amor por Ponteareas


O presentador de deportes da TVE nos informativos matinais subiu ao escenario para honrar as festas de Ponteareas, vila de onde procede toda a súa familia
Cun auditorio ateigado de veciños e veciñas de Ponteareas para a ocasión, un dos momentos máis esperados: o pregón das festas do Corpus. Este ano a responsabilidade e honra de dar comezo aos festexos foi caer nos ombros de Roi Groba, xornalista e presentador na RTVE, con vínculos familiares na vila.
Roi Groba comezou expresando a infinita gratitude por ser pregoeiro nesta edición do 2016 “un recoñecemento, máis significativo se cadra para unha persoa coma min, un namorado desta terra na que se afunden as miñas raíces, pero que por cuestións familiares e laborais, sempre tiven que estar lonxe, aínda que o meu corazón sempre estivo máis preto de Galicia que de Madrid” declarou
O pregón repasou a súa relación con Ponteareas, a saudade dos emigrantes, e a inmensa satisfacción e honra por sentirse «definitivamente un de vós».
A continuación, detallou as bondades do Corpus Christi onteareán e as súas alfombras de flores. A súa historia, a súa tradición, a súa singularidade, o seu desenvolvemento nas últimas décadas, a súa importancia social, cultural, artística e relixiosa, e o que significa para todos os ponteareáns, como elemento de orgullo e unión. “A beleza e singularidade do noso Corpus obra o milagre de poñer en común a propios e estraños, une nun mesmo afán os veciños, e brota –precisamente- grazas a ese esforzo colectivo, tan difícil de acadar en calquera outra encomenda”
Fixo tamén unha mención especial aos alfombreiros, figuras imprescindibles e verdadeiros artífices desta festa. Polo seu esforzo, pola súa labor desinteresada, e pola implicación secular co Corpus, especialmente no caso das mulleres ponteareás. “Os homes colaboran na preparación e confección dos tapices. Pero son as mulleres as que recolleron, escolleron e esfollaron os pétalos toda a vida. Elas puliron a materia prima coa que engaiolar aos visitantes. Estandarte dunha sociedade tradicionalmente matriarcal coma é a galega, a muller sempre foi sostén da familia, en xeral, e neste caso concreto do Corpus, unha peza básica, polo seu silencioso impulso e inxente traballo nos portais”.
Rematou encomiando as virtudes de Ponteareas e as súas xentes. Polos méritos individuais dos seus veciños máis ilustres, pero tamén coma unha soa entidade, como pobo, como forza colectiva capaz de «ser un» e de levar a cabo unha colosal obra de arte coral como son as alfombras florais, de beleza e mérito únicos no mundo, “o pobo ponteareán, xunto, coma unha soa entidade, demostra no Corpus todo o seu potencial colectivo. Os ponteareáns somos xente traballadora, talentosa, sensible, forte, os que máis. Pero tamén humildes, discretos, próximos, hospitalarios, simpáticos. Estas terras están poboadas por artistas rurais, peixeiras aguerridas e heroes cotiáns. E estes dez días son o tempo para darnos un homenaxe”

Deja un comentario