+034 986 09 02 04 Luns 06 de Xullo de 2020

O Plan marco de Camiños 2016 deixará 437.000 euros en varios concellos da comarca do Condado-A Paradanta


O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, destacou que xa lle chegou a notificación desta subvención aos concellos de Covelo, As Neves, Crecente, A Cañiza e Mondariz

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, anunciou esta mañá que xa se está a comunicar aos concellos da comarca do Condado-A Paradanta a resolución das axudas do Plan Marco de mellora de camiños municipais de acceso a explotacións agrarias 2016 de cara a que poidan poñer os terreos a disposición da administración autonómica para acometer estes investimentos.

En total, para a provincia de Pontevedra, o investimento destas subvencións ascende a algo máis de 3,8 millóns de euros. Na comarca do Condado-A Parandanta, as axudas foron xa comunicadas aos concellos de Mondariz, Covelo, As Neves, Crecente e A Cañiza, cun orzamento global de 437.000 euros.

Deste xeito, Mondariz recibirá 64.382 euros para mellorar os camiños rurais de Vilasobroso e Gargamala; Covelo investirá 92.752 euros para pavimentar varios camiños nas parroquias de Barciademera, A Graña, Godóns e SS Prado; As Neves destinará 85.042 para a mellora dos camiños de Cobalagarto e Pozas, mentres Crecente ampliará o camiño da capela Frieira en Quintela con 75.527 euros e A Cañiza recibirá 119.010 euros.

Deste xeito, os concellos disporán dun orzamento necesario para o arranxo de infraestruturas viarias, facilitando a mobilidade da poboación rural. “O obxectivo xenérico a alcanzar con esta medida é ampliar, mellorar ou manter os camiños de titularidade municipal que faciliten o acceso, cando menos, a unha parcela integrante dunha explotación agraria”, explicou o delegado territorial.

Este plan disporá de 20 millóns de euros para toda Galicia, dos cales o 75% corresponde a fondos FEADER do novo período de programación 2014-2020, o 17,5% a fondos propios da Xunta e o 7,5% restante do Ministerio. Os concellos, pola súa banda, terán que aportar o 21% do IVE de cada obra.

A cantidade prevista para cada un dos concellos segue criterios consensuados entre a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp).

Deja un comentario