+034 986 09 02 04 Luns 18 de Decembro de 2017

Medio Ambiente repoboa o Almofrei con 3.000 alevíns de troita


O propósito destas soltas está encamiñado á conservación e recuperación desta especie nas concas fluviais da comunidade

O xefe territorial de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, José Luis Díez, asistiu á solta de 3.000 alevíns de troita no río Almofrei ao seu paso por Cotobade co obxectivo de continuar cos traballos postos en marcha pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, de cara a conservar e recuperar a troita nos ríos da provincia de Pontevedra.

Neste acto estivo acompañado do alcalde da localidade, Jorge Cubela, do alcalde de Ponte Caldelas, Perfecto Rodríguez, e do alcalde de Campo Lameiro, Julio Sayáns.

O xefe territorial aproveitou este acto para salientar a importancia dos traballos de repoboación nos diferentes cursos fluviais de Galicia e, de maneira particular, os que se veñen desenvolvendo para a recuperación da troita na provincia de Pontevedra. “Deste xeito quero destacar, o importante traballo que neste senso está a executar este departamento autonómico para facilitar a recuperación destas especies nas concas fluviais da provincia”, engadiu.

As troitas que foron hoxe liberadas no río Almofrei, como nos casos anteriores, proceden da piscifactoría de Carballedo. “O traballo futuro deste centro, de gran importancia”, segundo explicou José Luis Díez, “pasa por consolidar o establecemento de liñas de cultivo de troita autóctona, continuar co estudo da viabilidade das repoboacións con reo e afianzar o seu papel como banco de xenes vivo”.

Tal e como matizou o xefe territorial, “esta repoboación resulta fundamental de cara á recuperación dun tramo que, se ben ten moi bo hábitat para esta especie, a súa escaseza de afluentes, a elevada pendente e a presenza dun salto natural infranqueable, fai moi difícil a recuperación desta poboación sen a inxección externa de peces”.

De feito, segundo apuntou José Luis Díez, o orixe do stock das troitas “garante unha boa adaptación ao tramo e disipa calquera risco de contaminación xenética”. Tódalas troitas soltadas hoxe están marcadas para poder facer un seguimento do efecto desta solta sobre a previsible recuperación desta poboación de troitas.

O alcalde da localidade, Jorge Cubela, aproveitou para agradecer a Xunta a súa colaboración para a recuperación deste río e destacou a importancia da labor que está a realizar a Consellería de Medio Ambiente neste eido.

Estas actividades, que se enmarcan no programa do Plan de Recuperación das Poboacións ameazadas destas especies, permiten impulsar a repoboación con especies autóctonas.
Tal e como matizou a este respecto o xefe territorial, “no plan de recuperación das poboacións de troita común autóctona nos ríos de Galicia, emprégase a técnica das repoboacións só naquelas situacións onde o proceso natural poida resultar imposible ou dunha duración excesiva”. No resto dos casos procúrase que sexan as poboacións existentes na mesma conca fluvial as responsables de colonizar os treitos afectados por episodios de mortalidade.
Labores de repoboación dos últimos anos
A Dirección Xeral de Conservación da Natureza leva varios anos a traballar para obter cría de troita autóctona (Salmo Trutta Fario) destinados a facilitar a recuperación das masas de augas continentais nas que se produciran mortaldades piscícolas, que tamén serven para reforzar poboacións piscícolas nas bacías das que proceden os reprodutores.
En primeiro lugar, habilitouse na piscifactoría de Carballedo una zona reservada para crear stocks de troita procedentes de diferentes ríos como primeiro paso para comezar a cría e obtención de alevíns de troita destinados á repoboación.
O segundo paso consistiu en capturar reprodutores durante as mostraxes de pesca eléctrica que se realizan todos os anos polo persoal do Servizo de Conservación da Natureza para realizar o seguimento da evolución das poblacións piscícolas.

Nos meses de decembro e xaneiro realizase o desove destes reprodutores e obtense ovos que pasan a ser fertilizados e almacenados en bandexas na piscifactoría ata que eclosionan no mes de febreiro e unha vez nados os alevíns pasan aos tanques de cría ata que acadan un tamaño de entre 4 e 6 centímetros en xullo e agosto con cinco ou seis meses de idade, momento en que normalmente se procede a soltalos nos ríos que se pretende recuperar.

Tamén pódese realizar a solta das troitas un pouco mais tarde, no mes de outubro, cando xa acadaron a fase de xuvenís.

Deja un comentario