+034 986 09 02 04 Sábado 20 de Outubro de 2018

A orde de infraestruturas de uso público da vicepresidencia da Xunta beneficia a 7 concellos da Área Territorial de Vigo


Baiona, Cangas, Fornelos de Montes, Moaña, Redondela, Salceda de Caselas e Soutomaior son os municipios da área territorial de Vigo que recibirán achegas por un total de 210.000 euros

O Diario Oficial de Galicia vén de publicar a resolución das axudas para a creación e/ou mellora das infraestruturas, dotacións, instalacións e equipamentos vinculados á prestación de servizos municipais destinadas a concellos galegos para este ano, que beneficia a 172 concellos.

Na área territorial de Vigo serán un total de 7 municipios os que reciban este tipo de axuda cunha achega total que supera os 210.000 euros. Baiona, Cangas, Fornelos de Montes, Moaña, Redondela, Salceda de Caselas e Soutomaior foron os concellos que solicitaron as subvencións e, coma se publica no DOG, recibirán unha axuda para executar os seus proxectos de servizos municipais.

O destino destas axudas é a creación e/ou mellora de infraestruturas, dotacións, instalacións e equipamentos vinculados á prestación de servizos municipais, entre os que se atopan proxectos para instalación, ampliación ou mellora das redes de alumeado público; pavimentación de vías públicas municipais; construción, mellora ampliación ou rehabilitación de espazos públicos, coma prazas, paseos, rúas, parques públicos e parques infantís; construción, mellora, ampliación ou rehabilitación de edificios ou dependencias municipais destinados á prestación de servizos básicos e/ou dotación de equipamentos destes edificios ou dependencias; e construción, mellora, ampliación ou rehabilitación de instalacións deportivas de uso público e/ou dotación de equipamentos das referidas instalacións.

A Xunta continúa así a desenvolver medidas para potenciar e apoiar a prestación de servizos por parte dos concellos, como Administración máis próxima aos administrados, converténdoos en motores do desenvolvemento económico rexional, co obxectivo último de garantir un equilibrio no territorio galego entre o medio rural e urbano, o interior e a costa que permita o desenvolvemento económico da totalidade do territorio, de tal xeito que os cidadáns teñan unhas óptimas condicións de vida, con independencia da súa residencia.

Para a execución destes proxectos cóntase co cofinanciamento do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), a través dos fondos incluídos no Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia 2014-2020. As axudas económicas concedidas financian o 80% do orzamento da obra ou equipamento que se vai realizar, co límite de 40.000 euros para as solicitudes individuais de concellos e 50.000 euros para as solicitudes formuladas conxuntamente por varios concellos e para as presentadas por concellos resultantes dun proceso de fusión municipal constituída nos últimos 5 anos.

Deja un comentario