+034 986 09 02 04 Venres 24 de Novembro de 2017

Turismo de Galicia achega 60.000 euros para a promoción do xeodestino Terras de Pontevedra


 Nava Castro avogou por impulsar a arte rupestre como produto turístico característico da comarca

Turismo de Galicia achegará 60.000 euros para a promoción do turismo nos concellos da Mancomunidade Terras de Pontevedra. Así se recolle nun convenio de colaboración asinado esta mañá entre a directora do organismo autonómico, Nava Castro, e o Presidente da Mancomunidade, Miguel Anxo Fernández Lores. O acordo supón unha achega total de 102.915 euros posto que a Mancomunidade achega o importe restante. No acto estivo presente o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, e representantes dos concellos beneficiados.

Nava Castro enxalzou a importancia desta iniciativa na consolidación de Galicia como un destino multiexperiencial, cunha oferta segmentada e desestacionalizadora, e afirmou que o acordo permitirá que a provincia de Pontevedra continúe coa tendencia positiva rexistrada en 2015, con 1.151.006 viaxeiros que realizaron 2.717.906 pernoitas hoteleiras, dos cales 78.990 viaxeiros e 148.243 pernoitas foron na cidade de Pontevedra.

O convenio, que estende a súa vixencia ata finais de ano, actuará no ámbito territorial da Mancomunidade, conformada polos concellos de Pontevedra, Marín, Poio, Pontecaldelas, Vilaboa, Cotobade, Barro e Campo Lameiro. As accións a desenvolver teñen como obxectivo a dinamización e o fomento do turismo nesta zona mediante a mellora do acceso aos recursos turísticos, a potenciación de novos produtos, a mellora da comercialización do destino e conseguir chegar a novos segmentos de mercado como o turismo familiar.

Nava Castro explicou que se impulsará a arte rupestre como produto turístico característico deste xeodestino. Para iso, desenvolverase unha aplicación móbil de realidade aumentada e unha audioguía sobre este recurso. A maiores, realizaranse presentacións para prensa especializada e axentes de viaxe sobre arte rupestre, que tamén será obxecto dun blog trip e dunha reportaxe audiovisual. Así mesmo, crearase material promocional adaptado ás novas tecnoloxías.

Ademais, segundo explicou a directora, poñerase en marcha unha plataforma de venta en liña de viaxes e estancias combinadas para mellorar a comercialización e xestionar de forma integrada todos os servizos existentes, poñendo a disposición do turista a oferta global do destino. Esta nova ferramenta permitirá chegar a máis clientes e concentrar nun único punto a oferta e a demanda, administrándoas de forma áxil e en tempo real.

Deja un comentario