+034 986 09 02 04 Sábado 08 de Agosto de 2020

Carmela Silva súmase ao Protocolo da violencia de xénero e pide a empresas e concellos que se adhiran


No acto, celebrado en Vigo, a presidenta da Deputación sinalou que o protocolo para a detección e tratamento da violencia machista nas empresas xa foi firmado por 17 concellos da provincia de Pontevedra

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, asistiu esta mañá á presentación do “Protocolo para a detección e tratamento na empresa de situacións de violencia de xénero producidas dentro e fóra dos lugares de traballo” no Círculo de Empresarios de Galicia. O acto estivo presidido pola presidenta do Observatorio contra a Violencia de Xénero, Ángeles Carmona Vergara, e asistiron, entre outros, Fernando Cabezas Lefler e María Ángeles García –a quen a presidenta agradeceu especialmente–, coautor e coautora do protocolo.

Na actualidade son máis de 150 empresas de toda Galicia –que inclúen o proxecto como iniciativa da súa Responsabilidade Social Corporativa ou como medida negociada coa representación sindical– e 17 concellos da provincia de Pontevedra os que asumiron este protocolo, pero a presidenta da Deputación fixo un chamamento aos 45 concellos restantes a que se sumen a este proxecto. “Imos traballar por que sexan os 62 concellos de Pontevedra quen se comprometan activamente a ser axentes que loitan contra a violencia de xénero”, sinalou. Os 17 concellos asinantes son os da Guarda, A Illa de Arousa, Baiona, Barro, Cambados, Cuntis, Lalín, Moaña, Mos, Nigrán, Poio, Ponte Caldelas, Portas, Sanxenxo, Vilaboa, O Grove e Vigo, e a presidenta da Deputación quixo lembrar ademais que foi a propia institución provincial a primeira en asinar o protocolo, “non podía ser doutra forma”, cando se presentou nela a semana pasada.

Silva remarcou a necesidade de que existan “instrumentos reais que permitan pórlle freo” á violencia machista, razón pola que asegurou que este tipo de protocolos son “fundamentais” porque así as empresas e concellos, apostando pola tolerancia cero, disporán de “axentes que se van poder pór do lado das mulleres que sofren maltrato e violencia de xénero, vanlles poder prestar todo tipo de servizos para apoialas dende un punto de vista xurídico, policial ou social, e darlles tamén todo tipo de medios para que poidan escapar deste terrible drama no que viven as mulleres polo só feito de ser mulleres”. A presidenta provincial lembrou que en 2016 xa foron 19 as mulleres asasinadas polas súas parellas, á falta doutros cinco casos que seguen a ser analizados, e que cada ano aumentan as denuncias de malos tratos: 2.245 en 2015 só na provincia de Pontevedra.

O “Protocolo para a detección e tratamento na empresa de situacións de violencia de xénero producidas dentro e fóra dos lugares de traballo” trata de sensibilizar, informar e formar a todas as traballadoras e traballadores dos concellos e empresas asinantes sobre os dereitos das persoas que sofren violencia de xénero. Ademais, o protocolo fixa o sistema a seguir unha vez que se detecta un caso na empresa ou concello, o modo de actuar coa persoa afectada e o tempo máximo –48 horas– que ten a persoa encargada no organigrama nestes casos para informar á vítima de todos os seus dereitos en materia laboral e asesorala noutros aspectos legais.

Deja un comentario