+034 986 09 02 04 Domingo 21 de Outubro de 2018
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

Uxío Benítez e o alcalde de Covelo reúnense para analizar a mellora das vías provinciais neste concello


O deputado de Mobilidade e os técnicos provinciais valorarán posibles actuacións de mellora e acondicionamento en estradas provincias nos núcleos de Redondo e de A Graña

O deputado provincial de Mobilidade, Uxío Benítez, e a directora de área da institución provincial, Isabel Pardo de Vera, reuníronse hoxe co alcalde de Covelo, Juan Pablo Castillo Amigo, para falar das necesidades das vías provinciais no municipio. Benítez asegurou que a Deputación estudará a viabilidade das tres actuacións que o concello de Covelo plantexa a maiores das accións xa solicitadas ao abeiro do Plan Móvese. Trátase de dúas actuacións na estrada que vai de Covelo á parroquia de Barcia de Mera (EP-5106); e unha actuación na estrada que vai de Maceira á Grana (EP-5105).
O rexedor de Covelo solicitoulle a Benítez a renovación do firme e o acondicionamento da estrada que vai de Covelo a Barcia de Mera no tramo que une Ponte Lourido co lugar de Redondo. A segunda das actuacións nesta estrada, centraríase no tramo da antiga estrada provincial que pasa polo núcleo de Redondo e que, segundo explicou o alcalde, é un tramo que quedou do trazado antigo, despois de que se acometera a variante desta vía. Castillo Amigo solicitou o acondicionamento deste tramo por parte da Deputación, e que posteriormente se estude a transferencia da titularidade ao Concello.
Na estrada EP-5105, no tramo que vai ata a igrexa de A Graña, a solicitude pasa por un tratamento de mellora, que inclúa a renovación do firme da vía e que contemple un itinerario peonil de acceso á igrexa deste lugar. Neste caso, tamén solicitan unha posterior transferencia o Concello.
Uxío Benítez explicoulle ao alcalde de Covelo que os servizos técnicos provinciais valorarán estas obras e a súa viabilidade en consonancia cos novos criterios de actuacións na rede viaria provincial. Así mesmo, a reunión de hoxe serviu tamén para coñecer as 8 solicitudes que o Concello de Covelo incluíu ao abeiro do Plan Móvese, relativo ás medidas de calmado do tráfico nas estradas provinciais ao seu paso por este municipio, a través de redutores físicos de velocidade de vehículos e paso de peóns sobreelevados, co obxectivo de mellorar a mobilidade e a seguranza viaria.
O Concello de Covelo conta con sete vías de titularidade da Deputación: Covelo-Lamosa, Lamosa-Franqueira-Achas, Prado-Moncelos, Maceira-Avión, Maceira-A Graña, Covelo-Barcia de Mera, e Covelo-Paraño. Todas elas suman máis de 57 quilómetros de lonxitude. Ademais, ten dúas vías provinciais compartidas co Concello de Mondariz: Lougares-Piñeiro, e Ponte do Val-Barcia de Mera.

Deja un comentario