+034 986 09 02 04 Sábado 20 de Xaneiro de 2018

A Xunta reúnese con representantes do 112 e o 061 para analizar o novo Centro Integrado de Atención ás Emerxencias da Estrada


O CIAE 112 Galicia centraliza nun só edificio todo o relacionado coas emerxencias, facendo así que o servizo gañe en eficacia e eficiencia

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, reuníronse esta tarde con representantes da Plataforma 112 – 061 para analizar o novo Centro Integrado de Atención ás Emerxencias da Estrada, CIAE 112 Galicia.

O novo centro pretende converter a A Estrada no centro neurálxico das emerxencias de Galicia. A idea é centralizar nun só edificio todo o relacionado coas emerxencias, dende a formación ata a xestión das incidencias e a mobilización dos medios, facendo así que o servizo gañe en eficacia e eficiencia.

Os conselleiros explicaron aos representantes da plataforma as vantaxes do novo edificio, que aglutina servizos, mellora inmensamente as actuais instalacións e ofrece aos traballadores unhas instalacións modernas e dotadas da tecnoloxía máis punteira. Ademais, o CIAE 112 aproveitará recursos da veciña Agasp, a Academia Galega de Seguridade Pública, que conta, por exemplo, con aulas de formación, zonas de residencia ou un auditorio con capacidade para 400 persoas.

Así mesmo, tamén trasladaron os prazos que se manexan para a súa posta en marcha, coa previsión de que o ano que vén estean plenamente operativos no novo edificio o persoal do 112 como do 061, así como o persoal de administración dos dous organismos e membros doutros corpos e servizos de emerxencias. Isto supón o traslado de en torno a 240 persoas.

A este respecto, hai que lembrar que durante o ano pasado producíronse varias reunións informativas na Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, nas que se lle explicou ao Comité de Empresa do 112 as condicións do traslado. Ademais, o 22 de outubro de 2015 programouse unha visita do persoal e do Comité de Empresa ás novas instalacións do CIAE 112 Galicia, co obxecto de que coñecesen de primeira man o centro.

Deja un comentario