+034 986 09 02 04 Luns 10 de Agosto de 2020

O Museo abre o prazo de inscrición para os obradoiros de verán


Oferta 105 prazas para nenos e nenas de entre 5 e 13 anos para dous obradoiros que se celebrarán en varias quendas durante os meses de xullo e agosto
O sábado 11 de xuño rematará o prazo para inscribir aos nenos e nenas nos obradoiros de verán do Museo de Pontevedra. Todos os interesados deben presentar as solicitudes no Rexistro xeral da Deputación segundo o impreso que se pode descargar na páxina web do Museo.
En total ofértanse 105 prazas para dous obradoiros que se celebrarán en diferentes quendas, segundo tramos de idades comprendidas ente os 5 e os 13 anos, durante os meses de xullo e agosto. As prazas adxudicaranse por sorteo o día 20 de xuño ás 10 horas no edificio Fernández López do Museo, e as listas de admitidos e admitidas poderán ser consultadas a través da web do Museo a partir do 21 de xuño e no punto de información do Sexto Edificio.
Durante o mes de xullo levarase a cabo un obradoiro de cerámica que este ano terá como protagonistas os instrumentos musicais de barro, e en agosto o titulado ‘Pinta con Castelao’. Con estas actividades, todas de balde, preténdese fomentar a creatividade dos máis cativos e cativas e darlles a coñecer dunha forma diferente as coleccións e espazos do Museo, ao tempo que tamén se promove o seu desenvolvemento persoal e as relacións sociais e de amizade.
Obradoiro de instrumentos musicais de barro
Este obradoiro permitiralle aos nenos e nenas descubrir a existencia de instrumentos musicais feitos de barro dentro da tradición cerámica galega. Poderán elaborar buguinas e chifres, ademais doutros instrumentos de vento e percusión, baixo a dirección do profesor da Asociación Alba, Germán Iglesias del Río. Construíndo formas e modelos propios da cerámica tradicional galega, entrarán en contacto coa técnica do modelado, do urdido e do torno, así como coas técnicas decorativas e outros conceptos relacionados con esta artesanía.
O obradoiro complementarase cunha demostración didáctica do uso e os sons destes instrumentos. Cada quenda terá un máximo de 15 participantes. Todas as quendas se celebrarán entre as 10:30 e as 12:30 horas, e as datas segundo tramos de idade son as seguintes: nenos e nenas de 5 a 7 anos, do 4 ao 8 de xullo; nenos e nenas de 8 a 10 anos, do 12 ao 15 de xullo; e nenos e nenas de 11 a 13 anos, do 18 ao 22 de xullo.
‘Pinta con Castelao’
Coincidindo co Ano Castelao das Artes, no que o Museo de Pontevedra ten tanto protagonismo, concíbese este obradoiro para que a rapazada poida coñecer, dun xeito lúdico e participativo, a faceta artística deste magnífico debuxante, gravador e pintor. Farase especial fincapé no xénero da paisaxe, tan importante na súa produción e no seu ideario en relación a Galicia. Así, da man de Liliana Rey Figueroa as nenas e nenos coñecerán algunhas das técnicas que el empregou, como o óleo e o lapis, e outras novas coma o acrílico e o gouache.
Este obradoiro complementarase cunha visita á exposición Meu Pontevedra. Castelao 1916-1936, onde os rapaces e rapazas poderán escoller a súa obra favorita e representala in situ. Finalmente estas serán expostas ao público na “tendedeira da arte”.
Ao igual que no mes de xullo, cada quenda terá un máximo de 15 participantes, e celebraranse entre as 10:30 e as 12:30 horas. As datas segundo tramos de idade son as seguintes: nenos e nenas de 5 e 6 anos, do 1 ao 5 de agosto; nenos e nenas de 7 e 8 anos, do 8 ao 12 de agosto; nenos e nenas de 9 e 10 anos, do 16 ao 19 de agosto, e nenos e nenas de 11 a 13 anos, do 22 ao 26 de agosto.

Deja un comentario