+034 986 09 02 04 Xoves 15 de Novembro de 2018

Cambados acolleu as xornadas de divulgación ‘A conservación do medio natural, tarefa común’ promovidas por Turismo de Galicia


As próximas sesións visitarán os concellos de Melide, Ribadeo, O Carballiño e Tui

Cambados acolleu a conferencia ‘O medio natural rural e urbano’, promovida por Turismo de Galicia en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela no marco do VIII Centenario de San Francisco de Asís a Compostela.

A charla enmárcase nas xornadas de divulgación ‘A conservación do medio natural, tarefa común’, que teñen como obxectivo concienciar aos diferentes axentes no desenvolvemento equilibrado e a longo prazo dos recursos, remarcando a idea de que a conservación do medio natural é labor de todos.

A xornada foi impartida polo catedrático de Enxeñaría Química e ex reitor da Universidade, Juan José Casares Long, e o investigador en formación no departamento de Enxeñaría Química da USC, Anxo Rodríguez López. Ademais contou coa participación do xornalista Benito Leiro Conde que foi o encargado de moderar o relatorio.

A xornada dividiuse en dúas sesións, unha matinal dirixida aos alumnos de ensino superior da localidade, nas instalacións do IES Francisco Asorey, coa presenza tamén de alumnos do IES Ramón Cabanillas, e outra sesión aberta ao público en xeral en Exposalnés.

Estas xornadas divulgativas, que deron comezo o 24 de setembro, desenvolveranse ata o próximo 28 de novembro en vinte concellos doutras tantas comarcas de Galicia. As próximas sesións programadas visitarán, tamén en quenda de mañá e tarde, os concellos de Melide -19 de novembro-, Ribadeo -21 de novembro-, O Carballiño – 26 de novembro-, e Tui -28 de novembro-.

Os relatorios, impartidos por profesores e investigadores da Universidade de Santiago, maioritariamente do Campus de Lugo, de áreas relacionadas coa temática das mesmas programados prestarán especial atención a cuestións ambientais de interese xeral e relacionadas coa comarca na que se celebren cada día.

Deja un comentario