+034 986 09 02 04 Sábado 08 de Agosto de 2020

A Deputación de Pontevedra lanza o Plan Estratéxico de Deportes


 

A institución provincial destina ó deporte un 9,2% máis de investimentos que o anterior goberno

Carmela Silva destaca a aposta do novo goberno polo deporte, impulsando un modelo transparente e obxectivo que conta cos axentes implicados e rompe coa libre disposición dos fondos públicos

A Presidenta da Deputación de Pontevedra deu a coñecer esta mañá o lanzamento do plan estratéxico de deportes que a institución provincial está a desenvolver co obxectivo de deseñar as liñas de actuación nesta materia para toda a lexislatura. Neste contexto, Carmela Silva manifestou que “o deporte é unha aposta prioritaria do novo goberno provincial como demostra o incremento do 9,2% no orzamento destinado a esta disciplina fronte ó 2015, sumando 6 millóns de €, medio millón máis que no exercicio anterior”.

Silva deu a coñecer o “xiro de 180 grados” que está a introducir no deporte o novo goberno, “rachando coa libre disposición para impulsar unha política que vele para que o deporte se converta nun referente de transparencia e equidade e promover actuacións con e para todos, contando coa implicación dos propios concellos, clubs, federacións, entidades e asociacións deportivas de toda a provincia, a través duns criterios públicos e claros, baseados na concorrencia competitiva”.

O plan estratéxico do deporte, tal e como manifestou a Presidenta da Deputación, quere converterse nun programa que marque obxectivos claros e definidos que sirvan para establecer as liñas de actuación para toda a lexislatura. Por tal motivo, e tal e como adiantou Silva, esta semana o equipo redactor mantivo unha serie de reunións co fin de identificar proxectos e criterios e desenvolver ferramentas de cooperación para que o plan saia concordado e en consenso con todos os colectivos implicados no deporte provincial. Neste eido, mantivéronse encontros con responsables e representantes dos concellos da provincia así como coa Asociación de Federacións de deportes da provincia, Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte da Universidade de Vigo, Colexio oficial da Licenciatura en Educación Física e Actividade Física e do Deporte, Federación do deporte adaptado, Asociación deportiva de galegos olímpicos e Federacións que participan nas escolas deportivas.

Silva destacou que nestas reunións, “nas que atopamos unha receptividade espectacular”, expuxéronse as liñas do programa e achegóuselles ós diferentes colectivos o borrador inicial do plan estratéxico que, neste momento, esta sendo estudado para que poidan indicar as súas consideracións. No caso concreto dos concellos, a Presidenta indicou que “se lles pediu que nos fagan chegar as súas principais necesidades en relación ás infraestruturas deportivas, equipamentos, promoción do deporte, formación dos técnicos en materia deportiva, demandas da cidadanía dos concellos así como sobre as prácticas deportivas dos municipios”.

O plan estratéxico do deporte provincial, segundo asegurou Carmela Silva estará concluído en setembro, coincidindo coa posta en marcha do orzamento do vindeiro ano.

Amais, a Presidenta da Deputación de Pontevedra recordou o esforzo que está a realizar a institución en materia deportiva que se traduce en que “en dez meses de mandato do novo goberno publicáronse xa as bases de subvencións a entidades e clubs deportivos da provincia para o deporte base e deporte náutico , así como as destinadas a entidades e clubs que participen en competición federada de ámbito nacional por preto dun millón de euros. Tamén se puxeron en marcha a Copa Deputación e os programas polideportivos en Príncipe Felipe así como as achegas para material, as subvencións dirixidas á realización de actividades deportivas, as destinadas ás e ós deportistas olímpicos e os convenios cos clubs de elite da provincia, varios deles do deporte feminino, excluídos das axudas polo goberno anterior”.

Deja un comentario