+034 986 09 02 04 Luns 18 de Decembro de 2017

Medio Ambiente achega 50.000 euros para adecuar a senda no contorno do río Seixo, no concello de Cerdedo


Ethel Vázquez destaca que con este tipo de actuacións se pon en valor o patrimonio natural, a xestión dos hábitats naturais, da flora e fauna silvestre

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Ethel Vázquez, e o alcalde de Cerdedo, José Balseiros, asinaron un convenio de colaboración para a execución de actuacións de uso público no contorno do río Seixo, ao seu paso por este municipio pontevedrés. Nesta sinatura tamén estivo presente a directora xeral de Conservación da Natureza, Verónica Tellado.

A Xunta de Galicia achegará máis de 50.000 euros, o 100% do importe, para acondicionar este espazo e o seu contorno que está dentro da Zona de Especial Conservación (ZEC) Serra do Cando da Rede Natura 2000.

A conselleira de Medio Ambiente destacou que a pesar de que se trata dunha actuación cun presuposto pequeno, o seu fin ten un alto valor. Grazas a este tipo de actuacións incídese na divulgación dos valores do patrimonio natural, a xestión dos hábitats naturais, da flora e fauna silvestres, das paisaxes naturais e dos elementos singulares da Comunidade Autónoma.

Tamén se potencia o desenvolvemento do uso público e recreativo do medio natural; a promoción da defensa integral da natureza e dos elementos que a compoñen, e a conservación específica dos espazos que compoñen a Rede Galega de Espazos Protexidos e da Rede Natura 2000 de Galicia.

En base á colaboración asinada, a Dirección Xeral de Conservación da Natureza aportará o importe das actuacións e dirixirá, executará e coordinará as obras; mentres que o Concello de Cerdedo deberá poñer os terreos a disposición, libres de cargas e gravames e asumir as obras unha vez recepcionadas.

A conselleira de Medio Ambiente brindou a máxima colaboración ao representante da Administración local para incrementar a calidade de vida e o mantemento e mellora dos contornos públicos naturais.

Deja un comentario