+034 986 09 02 04 Venres 14 de Decembro de 2018

A Feira de Cuspedriños bate o seu récord de asistencia na décima edición con máis de 4.000 persoas


O Concello está comezando a estudar a solicitude de categoría de Festa de Interese Turístico de Galicia para cando se cumpran quince anos A Feira de Cuspedriños, que se celebrou o pasado domingo nesta aldea de San Xurxo de Sacos, bateu o seu récord de asistencia nesta décima edición coa presenza de algo máis de 4.000 persoas, o que supuxo rebasar sobradamente as previsións do Concello de Cotobade, que auguraba acadar os 3.000 asistentes dos últimos anos. Asimesmo, e como proba do éxito deste certame, tamén se alcanzou a cifra máis elevada de expositores, xa que acudiron 76 postos de comida, roupa, artesanía ou oficios tradicionais, entre outros. O alcalde cotobadés, Jorge Cubela, quixo amosar a súa satisfacción pola elevada afluencia de público, “xa que se trata dunha feira que sempre tivo moito tirón e atractivo por sí mesma, pero este ano hai coincidencia absoluta en que foi a edición con máis público de todas ”. Neste senso, o rexedor quixo expresar o seu agradecemento á concelleira de Promoción Económica e Turismo, María Pichel, polo seu traballo encabezando a organización do certame. Ademais, cre que os traballos de promoción realizados tiveron os mesmos froitos que no caso da VII Festa do Petote, celebrada o pasado mes de febreiro e que tamén acadou o seu tope de asistencia con preto de 500 comensais. “Está claro que as accións promocionais outorgan máis repercusión as nosas actividades e atraen cada vez máis xente a Cotobade, que é o queremos para que se siga coñecendo o noso concello e se xenere un retorno socioeconómico no mesmo”, explicou, antes de adiantar que baralla organizar actividades turísticas e culturais complementarias á feira durante este verán. Cubela tamén manifestou que dende o Concello estase comezando a barallar a posibilidade de solicitar, a través do correspondente expediente, a categoría de Festa de Interese de Turístico de Galicia para a Feira de Cuspedriños, aínda que, pola nova normativa, haberá a que agardar a que cumpra quince edicións no ano 2021. “Non é para xa, pero para ser unha festa con catalogación oficial hai que comezar a traballar con calma, porque os requisitos son esixentes. Nembargantes, creo que esta feira cumpre e ten unha repercusión que a fan merecedora de ser festa de interese e ademais, de obter catalogación, teríamos acceso a axudas autonómicas”, apostillou. Finalmente, amosou a súa ledicia por cumprir novamente co obxectivo de “honrar a nosa memoria, recoñecer o traballo e o esforzo dos nosos ancestros e lembrar a importancia que tivo a Galicia rural e do interior, que foi fundamental no desenvolvemento desta terra”.

Deja un comentario