+034 986 09 02 04 Luns 11 de Novembro de 2019

A estrada de Barbudo ao encoro das Eiras será acondicionada durante este verán


A Xunta de Goberno Local de Ponte Caldelas impulsa o arranxo dun vial que é moi utilizado polos veciños que traballan no Sur da provincia

O expediente de contratación das obras de acondicionamento integral da estrada local V-103, no tramo de 2,6 Km que une o núcleo de Barbudo co encoro das Eiras, xa está en marcha. A Xunta de Goberno Local de Ponte Caldelas estudou hoxe o asunto, atendendo así a unha demanda veciñal que se viña repetindo dende hai varios anos.
O órgano municipal xa tomou no seu día a decisión de incluír esta obra, cun orzamento duns 77.000 euros, dentro das 10 actuacións de infraestruturas solicitadas á Deputación dentro do Plan Concellos 2016. Hoxe deu un novo impulso para iniciar a contratación dunha mellora que se prevé que estea rematada cara finais de agosto.
O Goberno municipal tripartito (PSdeG-PSOE, AVP e BNG) considera esta obra como prioritaria, pois trátase dunha ruta moi utilizada polos veciños que traballan no Sur da provincia, especialmente nas áreas de Vigo e Porriño. A estrada pertence a Ponte Caldelas ata a parede do encoro e entra, a continuación, no termo municipal de Fornelos de Montes.
O alcalde, Andrés Díaz, mantivo un encontro en días pasados con veciños de Barbudo, acompañado dos concelleiros Enrique Vidal, Pili Couto e Alfonso Gutiérrez, na que volveu recoller as queixas polo abandono do pavimento, produto da falta de mantemento durante moitos anos. Díaz informou dos plans municipais para corrixir o abandono e engadiu que resulta vergoñento que mentres o tramo caldelán está cheo de fochancas, a partir do límite con Fornelos de Montes, atópase en perfecto estado de conservación.
O proxecto abrangue a limpeza e acondicionamento das beiras, a aplicación dun rego de bituminosa e a aplicación dunha nova capa de rodadura de 4 centímetros de grosor, así como o pintado da sinalización horizontal en todo o trazado con pintura reflectante.
“É unha obra importante porque afecta á calidade de vida de moitos veciños de Ponte Caldelas e non só aos de Barbudo e por iso non chegaba cun parcheo, senón que era preciso un asfaltado integral”, recalcou o alcalde, quen confía en que poda comezar o antes posible.
Por outra banda, a Xunta de Goberno Local tomou coñecemento dunha sentenza do Xulgado do Contencioso número 1 de Pontevedra que obriga ao Concello de Ponte Caldelas a pagar 6.897,89 euros en facturas de consumo eléctrico do Centro de Saúde. A sentenza resolve así o conflito entre o anterior equipo de goberno e a eléctrica CHC polas facturas emitidas entre novembro de 2009 e xuño de 2011.
Segundo recolle a sentenza o Concello de Ponte Caldelas cedeu o inmoble do Centro de Saúde por acordo plenario de 2009, pero o Sergas non o recepcionou formalmente ata máis tarde. A Xunta de Goberno lamentou ter que recoñecer este tipo de débedas, produto dunha mala xestión dos anteriores responsables municipais.
A sentenza é firme, polo que se tomou o acordo de recoñecer a débeda e iniciar os trámites para o seu pagamento.
O órgano de goberno local acordou adherir ao Concello ao convenio marco entre a Consellería de Medio Ambiente e os Sistemas de Xestión Integrada (SIG) para a recollida e reciclaxe de aparellos eléctricos e electrónicos no punto limpo de Ponte Caldelas. O acordo permitirá que este tipo de dispositivos domésticos, unha vez que sexan depositados no punto limpo, sexan conveniente reciclados por empresas certificadas dentro do SIG.
Finalmente, a Xunta de Goberno Local concedeu varias autorizacións para vendedores ambulantes. Neste eido, valorou como acertada a nova organización do tráfico que entrou en funcionamento o pasado domingo para os días de feira. Os datos recollidos indican que a reserva da zona do Balneario como bolsa de aparcamento foi un acerto, polo que se manterá no futuro.

Deja un comentario