+034 986 09 02 04 Venres 24 de Novembro de 2017
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

Carmela Silva destaca o festival Sinsal Son Estrella Galicia coma exemplo do potencial creativo da provincia


A presidenta da Deputación resaltou que iniciativas coma esta son as que converten á provincia en referente mundial no campo da música e da cultura

A Presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, xunto ao Deputado delegado de Turismo, Santos Héctor Rodríguez, e a Deputada de Cohesión Social e Xuventude, Digna Rivas, participaron hoxe en Vigo na presentación do Festival Sinsal Son Estrella Galicia, que se vai desenvolver na Illa de San Simón os próximos 22,23 e 24 de xullo. No acto tamén estiveron os organizadores do evento, Julio Gómez e Luís Campos, así como representantes do concello de Redondela e dos patrocinadores principais, Estrella Galicia e New Balance, e mailo secretario xeral de Cultura da Xunta.

Carmela Silva destacou o Festival Sinsal coma un claro exemplo do potencial creativo da provincia de Pontevedra, xa que “nós temos espectaculares paisaxes, gastronomía, historia, lingua e cultura, pero o máis importante que temos é a nosa capacidade para facer cousas espectaculares coma este festival. Cousas ben feitas, innovadoras, con paixón, que son capaces de converternos en referentes mundiais no campo da cultura e da música”, manifestou a Presidenta, quen engadiu que o Sinsal é “un festival extraordinario nacido do mellor que temos as persoas, que son as ideas”.

A Presidenta destacou que este evento exemplifica á perfección como o talento se converte nunha iniciativa pioneira que xa é referente internacional no eido dos festivais musicais, “algo que tameń atrae a moitos visitantes e que fai que nos miren dende fóra como un territorio con extraordinario talento e potencialidade”. Silva quixo agradecer así especialmente a aposta polo seu proxecto e polas súas ideas, que tiveron sempre os creadores do festival, representados por Julio Gómez e Luís Campos, “claro exemplo da aposta polas ideas, pola ilusión, pola paixón e pola esperanza nuns tempos tan difíciles coma os que vivimos”. Salientou ademais a capacidade que tiveron para poñer as súas ideas ao lado doutras similares, sumando sinerxías para ser capaces de promocionar conxuntamente distintos festivais feitos na provincia. Naceu así, xunto co apoio da Deputación, a iniciativa de Festivais Rías Baixas. 7 citas que non deberás perder.

Así mesmo, a Presidenta da Deputación tamén quixo recoñecer o importante papel das empresas que apostan pola cultura ao patrocinar este tipo de eventos, neste caso Estrella Galicia e New Balance. Dixo que o seu exemplo debe ser seguido por outras entidades para comprometerse firmemente na sociedade na que se moven e reverter nela parte dos seus beneficios.

Carmela Silva rematou a súa intervención apelando tamén ao traballo conxunto e á cooperación necesaria entre Administracións para promover a cultura, e en particular a música e os festivais musicais. Coa presenza do secretario xeral de Cultura da Xunta, lembroulle que a Administración galega tamén é primordial na aposta pola nosa cultura e pola promoción dos nosos eventos, “que nada teñen que envexar a outros que se fan no estranxeiro”.

O Festival Sinsal Son Estrella Galicia desenvolverase os días 22,23 e 24 de xullo na Illa de San Simón. Como singularidades do evento, e parte dos atractivos que o teñen convertido nun referente internacional en festivais musicais, celébrase nunha illa, só 800 persoas poden acceder cada día e o cartel é segredo ata que non se chega ao lugar.

Deja un comentario