+034 986 09 02 04 Xoves 04 de Xuño de 2020

A Xunta avoga por implicar a toda a cidadanía na consecución dun urbanismo coherente e sostible


O vicepresidente da Xunta clausurou hoxe o curso ‘Estado actual e futuro do urbanismo español’ na Escola Galega de Administración Pública

O vicepresidente da Xunta destacou que a consecución dun urbanismo coherente e sostible é un obxectivo irrenunciable do Goberno galego, e nese camiño resulta fundamental a implicación de toda a cidadanía.

Durante a clausura do curso monográfico Estado actual e futuro do urbanismo español, celebrado onte e hoxe na EGAP e organizado pola Axencia de Protección da Legalidade Urbanística, Alfonso Rueda puxo en valor o carácter multidisciplinar destas xornadas, así como o éxito de asistencia, con 350 matriculados.

Segundo explicou o vicepresidente da Xunta, o urbanismo marca as pautas para o correcto desenvolvemento dun territorio e, neste eido, os plans xerais son a folla de ruta coa que deben contar todos os concellos galegos. Con ese obxectivo naceu a nova Lei do Solo, que contén maiores facilidades para a tramitación dos plans xerais. Unha tramitación máis sinxela e un respecto absoluto polo territorio, pola conservación e mellora da paisaxe, en liña cos criterios contidos na Estratexia galega da paisaxe.

Rueda detallou que nestes dous días abordáronse asuntos de grande importancia como a nova lexislación estatal en materia do solo e a súa integración na lexislación autonómica; a rehabilitación, rexeneración e renovación urbana en Galicia; a visión xudicial do urbanismo; a execución de sentenzas de derrubamento ou o urbanismo en países da contorna. Trátase de asuntos de primeira orde para o coñecemento dunha materia que para moitos resulta totalmente allea, por complicada, pero que realmente ten moita incidencia na vida diaria das persoas.

Neste sentido, a directora da EGAP fixo fincapé na necesidade dun cambio de mentalidade e no xeito de actuar para conseguir un uso do solo máis racional. Este cambio, incidiu, debe ir ligado á produción de coñecemento básico en materia de urbanismo e ao desenvolvemento de liñas de investigación multidisciplinares que abarquen ademais dos saberes da arquitectura, a enxeñaría, o dereito, a economía, a xeografía, o medio ambiente ou a socioloxía. «Só así poderemos cambiar un escenario cunha incidencia transcendental no desenvolvemento da nosa sociedade e na herdanza que deixaremos aos nosos fillos.»

Ademais, Sonia Rodríguez-Campos resaltou a importancia de ofrecer formación especializada e facilmente accesible para aquelas persoas que se dedican ao urbanismo, non só na Administración pública, senón tamén para os profesionais das entidades privadas que desenvolven os seus traballos neste eido.

Deja un comentario