+034 986 09 02 04 Domingo 15 de Decembro de 2019

O Rosal contará con novo obradoiro de emprego dedicado a albanelería e a carpintería


Así o anunciou  o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, ao alcalde con quen mantivo un encontro no edificio administrativo de Campolongo 

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, mantivo unha reunión co alcalde de O Rosal, José María Fernández, a quen anunciou a concesión dun novo obradoiro de emprego dedicado a albanelería e carpintería que beneficiará a 20 veciños desempregados deste municipio.
O rexedor agradeceu que a administración autonómica tivera en conta o proxecto presentado que “permitirá executar a reforma da praza de abastos de San Miguel de Tabagón, un proxecto moi interesante porque servirá para dinamizar esta construción e darlle un uso como mercado de proximidade, que permitirá aos veciños poder acceder a produtos autóctonos, especialmente os producidos no propio concello”.
O obradoiro, denominado “Mercado de San Miguel”, terá unha duración de seis meses e no mesmo a Xunta investirá case 180.000 euros, “que coa aportación a maiores do concello en materiais chegará a superar os 250.000 euros, xa que estamos a falar dunha obra que require un importante volume de medios”, explicou Cores Tourís.
O delegado territorial mostrou a súa satisfacción por poder avanzar que este concello obtivo este obradoiro de emprego que ten “un obxectivo claro, dar formación a persoas desempregadas de cara a que logren reinsertarse laboralmente. De feito, as persoas desempregadas participantes como alumnado traballador percibirán o Salario Mínimo Interprofesional durante os meses que durarán estes proxectos”.
Durante o periodo de formación a Xunta financiará o soldo dos participantes e a súa contribución á Seguridade Social, así como o dos docentes e o dos administrativos que xestionen o proxecto. Pola súa banda, os concellos encargaranse da organización directa dos cursos, a selección dos profesionais que os levarán a cabo e a relación cos participantes. Isto pon de relevancia, tal e como subliñou o delegado, “a importancia da colaboración entre institucións”.
Cores Tourís tamén aproveitou para destacar o “manifesto claro de colaboración institucional da Xunta coas entidades locais para intentar que o obradoiros de emprego teñan continuidade na creación de postos de traballo no futuro”.
En total, a provincia de Pontevedra contará con 29 obradoiros, 21 dos cales están a ser notificados nestes días aos concellos beneficiados. “Cinco destas iniciativas corresponderán a obradoiros para menores de 25 anos que xa, o ano pasado, tiveron unha moi boa acollida”, engadiu Cores Tourís.

A Consellería de Economía, Emprego e Industria destina este ano máis de 18 millóns de euros aos obradoiros de emprego, incluíndo esta cantidade unha liña de apoio específica aos menores de 30 anos para mellorar a súa inserción laboral. Destes programas mixtos de formación e emprego, cos que se poden acceder aos certificados de profesionalidade, poderán beneficiarse preto de 2.000 desempregados.

Deja un comentario