+034 986 09 02 04 Luns 20 de Novembro de 2017

A consellería manterá o mesmo número de unidades en educación infantil no CEIP O Piñeiriño (Vilagarcía de Arousa)


O xefe territorial de Educación na provincia de Pontevedra manifestou descoñecer a orixe das acusacións de recortes, dado que a proposta da Inspección é que existan o vindeiro curso 5 unidades nesta etapa, as mesmas ca no ano académico actual

 

O xefe territorial da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria na provincia de Pontevedra, César Pérez Ares, manifestou hoxe descoñecer a orixe das acusacións de recortes que se están a producir respecto do CEIP O Piñeiriño (Vilagarcía de Arousa), dado que “o informe da inspección educativa propón para o vindeiro curso o mesmo número de unidades en educación infantil, é dicir, 5, igual ca no actual ano académico”. Neste sentido Pérez Ares puxo en valor o traballo educativo que este CEIP realiza e lembrou que a Consellería analiza ano a ano a matrícula de cada centro, de cara a axustar as unidades en base ao alumnado matriculado e ás súas necesidades particulares.

Deste xeito, no curso 2016/2017 o CEIP O Piñeiriño contará con dous grupos de alumnos de 3 anos, un grupo de 4 anos e dous grupos de 5 anos. No actual curso a distribución é de dúas unidades de 3 anos, dúas unidades de 4 anos e unha unidade de 5 anos. A modificación débese ao paso de curso dos alumnos que este ano cursan 5º de infantil (4 anos, 2 grupos) e que a partires de setembro estarán matriculados en 6º de infantil, no que se constituirán 2 grupos en atención ás necesidades específicas do alumnado dese curso. Porén, o número de alumnos matriculado para o curso 2016/2017 en 5º de infantil (4 anos), inferior aos 25, non xustifica a habilitación dunha sexta unidade.

Pérez Ares fixo fincapé na necesidade de confiar no criterio da Inspección Educativa, “que vela sempre polo interese do alumnado, prestando especial interese ás particularidades de cada estudante”, e instou a deixar calquera outra consideración ou criterio alleo ao educativo fóra deste ámbito.

Deja un comentario