+034 986 09 02 04 Sábado 08 de Agosto de 2020

A Deputación revisará un tramo da canalización de pluviais na Vía Castrelo – Couto de Abaixo para solucionar os actuais problemas de encharcamento


 

Os técnicos provinciais analizarán as causas que producen que un tramo desta estrada se encharque, para acometer de xeito inmediato a actuación máis acaída

O deputado provincial de Mobilidade, Uxío Benítez, vén de reunirse coa alcaldesa de Cambados, Fátima Abal, para falar das necesidades das vías provinciais neste municipio. A actuación máis prioritaria plantexada pola alcaldesa centrouse na solución dun problema de encharcamento que está a sufrir un tramo da vía que vai de Castrelo a Couto de Abaixo. Unha situación á que Uxío Benítez se comprometeu a darlle solución de inmediato. Para iso, encargoulle aos técnicos provinciais que realicen unha análise da canalización de pluviais deste tramo de cara a acometer, no curto prazo, a actuación máis acaída para darlle solución ao problema.
Ademais, para o intervalo sen urbanizar na vía Castrelo-Couto de Abaixo, a EP 9001, tamén se solicitou desde o concello a creación dun itinerario peonil para garantir a seguranza viaria. Unha actuación que se valorará desde o equipo técnico do departamento de Mobilidade.
Na xuntanza, e tras constatar que o concello de Cambados ten interese en acometer actuacións de calmado do tráfico segundo os novos parámetros que promove o ente provincial, Uxío Benítez acordou permitirlle solicitar actuacións ao abeiro do plan Móvese fóra de prazo (o Concello de Cambados non realizara ningunha solicitude ao abeiro deste plan).
O Concello de Cambados conta con seis vías de titularidade da Deputación: Castrelo-Couto de Abaixo, Fefiñáns-Oubiña, variante Cambados, Corbillón-Tragove, Corbillón-Tremoedo, Bouza-Facho, que suman 14,310 quilómetros de lonxitude. Ten catro vías máis compartidas con outros concellos: Dena-Couto de Abaixo que comparte con Meaño; e Rimadumia-Grenla, Sisan-Ponte Estacas e Brrantes-Vilariño que comparte con Ribadumia.

Deja un comentario