+034 986 09 02 04 Venres 22 de Febreiro de 2019

Porriño mellorará o acceso a varias vivendas do polígono III de Torneiros


O proxecto, que conta cun presuposto de máis de 14.000 euros

O Concello de Porriño iniciará proximamente as obras para a construción dunha nova rampla de acceso a varias vivendas do Polígono III de Torneiros, que permitirá salvar o desnivel entre a praza e as entradas do edificio, solucionando deste modo os problemas de accesibilidade e seguridade que presenta actualmente o acceso a este bloque e polo tanto, mellorando a calidade de vida dos veciños.

Na actualidade existe un acceso a través de escaleiras para posteriormente ir comunicando as distintas entradas do edificio, de forma que as persoas quedan á altura das vivendas, provocando unha falta de privacidade dentro das casas situadas na planta máis baixa, facilitando ademais os roubos a través das ventás inferiores da edificación.
“A nova rampla de acceso dotará os veciños destas vivendas dunha maior privacidade e seguridade nos seus fogares e permitirá solucionar a dificultade que ata agora viñan tendo as persoas con mobilidade reducida á hora de acceder a estas vivendas” explicou o alcalde de Porriño, Nelson Santos, “varias persoas con minusvalidez residen neste bloque, dende o Concello de Porriño executaremos sempre as medidas necesarias para mellorar a calidade de vida de todos os veciños de Porriño en ámbitos como a accesibilidade, facilitando a utilización non discriminatoria, independente e segura dos edificios e espazos públicos do noso municipio,”.

O proxecto, que conta cun presuposto de máis de 14.000 euros, considera tamén a construción de pequenos xardíns decorativos nas zonas que quedarán por debaixo destes novos accesos, ofrecendo así un aspecto máis agradable á zona ademais dun deseño máis funcional.

Deja un comentario