+034 986 09 02 04 Martes 22 de Setembro de 2020

A feira Abanca Semana Verde supera amplamente os 100.000 visitantes e reafírmase como espazo de negocio e lecer


CONTOU DENDE O XOVES ATA HOXE CON 590 EXPOSITORES E MÁIS DE 170 ACTIVIDADES DISTINTAS, CELEBRÁNDOSE ADEMAIS NO SEU MARCO MÁIS DE 2.700 REUNIÓNS DE NEGOCIO DOS SECTORES DA ALIMENTACIÓN E O TURISMO

A feira Abanca Semana Verde de Galicia e os seus certames paralelos, que nunha hora pechan as súas portas no recinto Feira Internacional de Galicia ABANCA, contaron cunha afluencia estimada que supera amplamente os 100.000 visitantes, notándose un incremento con respecto á pasada edición, especialmente hoxe domingo.

Dende o xoves ata hoxe 590 expositores, un 18% máis que en 2015, estiveron presentes na área expositiva de Abanca Semana Verde e os seus certames simultáneos Salimat Abanca, de alimentación; Fecap Abanca, de caza, pesca e natureza; e Turexpo Galicia e Festur, do sector turístico. Un crecemento motivado tanto polo incremento expositivo en todos os seus certames paralelos como pola celebración de novo de Festur no marco da feira, pola incorporación de Turexpo Galicia e pola presenza das ganderías participantes nos concursos de gando frisón, os cales só se celebran nesta feira nos anos pares. A elo sumouse un completo programa con máis de 170 actividades distintas, que tamén superaron as 150 celebradas na pasada edición.

No seu conxunto (expositores e actividades) esta edición ocupou unha superficie de 77.904m², un 10% máis que en 2015, destacando o crecemento dos salóns Fecap Abanca e Salimat Abanca e tamén a ocupación de espazos que facía anos que non se utilizaban, como o pavillón 4, a onde se trasladou Fecap Abanca.

A feira foi inaugurada o xoves polo vicepresidente da Xunta de Galicia e presidente da Fundación Semana Verde, Alfonso Rueda, quen destacou Abanca Semana Verde como unha “feira dinámica e moderna, que revalida ano tras ano a súa condición de maior certame multisectorial de mostras e ocio do noroeste peninsular”. No acto estivo acompañado pola conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, doutras autoridades e do director da Fundación Semana Verde de Galicia.

Ademais desta presenza institucional na súa inauguración o certame contou esta mañá coa visita do presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo, quen percorreu distintas áreas do certame, ademais de visitar a Xuntanza Anual do programa radiofónico Pensando en Ti. Así mesmo, a feira contou ao longo destes días de novo coa presenza da conselleira do Medio Rural, coa conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, e co director xeral de Enerxía e Minas, Ángel Bernardo Tahoces.

Máis de 170 actividades
Ademais do amplo número de propostas expositivas da 39º Abanca Semana Verde de Galicia e os seu certames paralelos, todos eles conformaron tamén un completo programa con máis de 170 actividades distintas con numerosas novidades.

Salimat Abanca 2016 converteuse un ano máis nunha plataforma de negocio e nun escaparate tanto para a distribución como para produtos de calidade, artesáns e innovadores. No seu programa máis profesional destacaron os Encontros de Compradores, realizados co apoio do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), nos cales se celebraron máis de 1.400 reunións de negocio entre 27 importadores e distribuidores alimentarios de 6 países e 94 empresas. E tamén a área Alinova, na que se presentaron 70 novidades tan atractivas como paté de bonito con grelos ou flan de queixo do Cebreiro con caramelo de licor café.

A eles sumáronse cerca de 50 actividades distintas, como maridaxes e degustacións de diversos produtos, showcookings, conferencias sobre o sector vitivinícola ou a biomasa no sector agroalimentario, talleres ou o II Encontro Gastroblogger

En canto á III Feira de Caza, Pesca e Natureza, Fecap Abanca, respaldada pola Dirección Xeral de Conservación da Natureza, contou cun programa composto por cerca de 40 actividades, entre elas exhibicións de tiro con arco ou cetrería, demostracións de tiro ao branco ou montaxe de moscas para pesca, conferencias, o curso de pesca para nenos “Pescaprendo” ou talleres sobre recoñecemento de aves. Uniuse a elas a III Exposición de Cans de Caza, na cal participaron 200 cans.

Turexpo Galicia e Festur, as cales se celebraron conxuntamente e de forma paralela a esta edición de Abanca Semana Verde co apoio da Axencia Turismo de Galicia, incorporaron o sector do turismo á feira coa presenza de distintas empresas e 27 concellos que promocionaron 37 festas de interese turístico das catro provincias galegas. O seu programa tivo como eixo central diversas exhibicións, exposicións e degustacións de distintas festas de interese turístico e tamén, nas súa vertente máis profesional, a Bolsa de Contratación Turística, a cal rexistrou nesta edición 1.350 reunión de negocio entre 31 turoperadores de 10 países e 80 empresas turísticas.

O programa contou ademais con numerosas actividades caninas, de axilidade e de beleza, como o XIII Concurso Nacional Canino, e propostas co can de palleiro como protagonista. Tamén houbo actividades equinas, centradas tanto no cabalo de pura raza galega como no primeiro concurso morfolóxico internacional de cabalos árabes que se celebra en Galicia, e tamén gandeiras, como os concursos morfolóxicos de gando frisón, nos que participaron 101 exemplares galegos, e distintas propostas das razas autóctonas galegas en perigo de extinción, con concursos morfolóxicos e a presentación do selo das súas razas bovinas “100% Raza Autóctona”.

O programa completouse con outras actividades con carácter especialmente lúdico, como espectáculos de motor, a II Carreira Popular Abanca Semana Verde de Galicia, que rexistrou 168 inscritos, a exposición itinerante de réptiles máis grande de Europa, a mostra da cabina dun avión de combate ou a xuntanza anual do programa Pensando en Ti. Esta última acolleu hoxe dentro da súa programación distintas actuacións musicais, a actuación dun humorista, un concurso de baile ou a entrega do premio ao ouvinte da tempada.
Proposta de negocio e lecer
As cifras desta edición tanto en número de expositores, superficie e actividades, como na afluencia de visitantes e nas máis de 2.700 reunións de negocio celebradas entre profesionais do sector da alimentación e o turismo, ratifican o modelo deste certame como espazo tanto de negocio como de lecer. Un modelo no que se profundará para concentrar as propostas máis lúdicas durante a fin de semana e intensificar a súa vertente máis profesional os primeiros días, valorando incluso a posibilidade de que algunhas actividades técnicas comecen xa o mércores.

Deja un comentario