+034 986 09 02 04 Luns 27 de Xaneiro de 2020

Educación traslada á comunidade educativa do CEIP Enrique Barreiro (Cambados) a decisión de suprimir unha unidade en infantil


O xefe territorial informou tamén a ANPA e dirección do centro da decisión de manter aberta o próximo curso a Escola Unitaria de Cobas de Lobos

O xefe territorial de Educación en Pontevedra, César Pérez Ares, mantivo esta mañá unha reunión coa comunidade educativa do CEIP Enrique Barreiro de Cambados a quen lle trasladou a decisión da supresión dunha unidade educativa para o próximo curso pola baixa matrícula de alumnado.

Deste xeito, suprimirase esta unidade pero manteranse dous profesores para 4º, 5º e 6º de Infantil. “A baixa natalidade a día de hoxe obríganos a tomar esta decisión, xa que nestes tres niveis educativos contarase cun total de 19 alumnos para o curso 2016/17”, explicou Pérez Ares.

Neste senso, a ANPA do Enrique Barreiro trasladoulle ao xefe territorial a súa decisión de intentar poñer en marcha un comedor escolar, co obxectivo de gañar en número de alumnado e facilitar que nenos que, na actualidade elixen outro centro por contar con ese servizo, poidan solicitar no futuro este colexio. O xefe territorial trasladoulles o seu apoio a esta iniciativa e asegurou que será aprobada, de contar co aval da Unidade Técnica e da Inspección.

Tamén se lle autorizou a esta ANPA a posta en marcha dunha ludoteca de cara ao verán, sempre e cando o Consello Escolar do centro dea o seu visto bo a esta iniciativa.

Durante a reunión tamén se deu traslado a esta comunidade educativa da decisión tomada pola Xefatura Territorial, de acordo cos informes positivos da Inspección, en relación a Escola Unitaria de Coba de Lobos, que manterá abertas as súas portas o próximo curso cun total de 9 alumnos. “Deste xeito, a Administración continuará a manter en funcionamento este centro, a pesar do custe económico que supón, en aras de facilitar a conciliación laboral e familiar”.

Deja un comentario