+034 986 09 02 04 Sábado 20 de Xaneiro de 2018

A Xunta premia a alumnos de primaria do CPI Toural de Vilaboa no certame de Cooperativismo nas escolas


 Este galardón forma parte do programa de actividades que cada ano organiza a Consellería de Economía, Emprego e Industria con motivo do Día do Cooperativismo, que se celebrará o próximo 2 de xullo
A Consellería de Economía, Emprego e Industria, en colaboración co Consello Galego de Cooperativas, entregou esta mañá os premios aos preto de 50 alumnos e alumnas de ESO do CPI Toural de Vilaboa que resultaron galardoados no certame ‘Cooperativismo nas escolas’.

Os alumnos do colexio gañaron un accésit na modalidade de F/E co traballo titulado ‘Radio Toural: A Voz da Terra’. Trátase dun programa de radio a través do que se traballan as habilidades comunicativas, o traballo colaborativo e a participación, realizado a través de varios equipos.

Os premiados, 50 alumnos e alumnas, recibiron esta mañá, durante o acto presidido polo xefe territorial de Economía, Emprego e Industria, Ignacio Rial, materiais didácticos, audiovisuais ou informáticos valorados en 2.000 euros.

Esta actividade forma parte do programa de actividades que a Xunta desenvolve ao longo de todo o ano para promover os valores do cooperativismo e das actuacións que está a desenvolver con motivo do Día do Cooperativismo, que se celebra este ano o sábado 2 de xullo. ‘Cooperativismo nas Escolas’ é unha iniciativa coa que se promove entre os estudantes de Galicia o coñecemento desta fórmula empresarial.

O propósito da Xunta con este certame é promover entre os estudantes galegos o traballo en equipo, a colaboración e o esforzo por alcanzar un obxectivo común, todos eles valores que fomenta a Economía Social, un sector que aglutina na Comunidade a máis de 7.000 entidades e 320.000 persoas.

Unha das prioridades da Axenda 20 para o Emprego, a nova planificación da Xunta no eido laboral, é impulsar o cooperativismo e, para iso, esta folla de ruta reforza os incentivos ao cooperativismo e impulsa a competitividade e internacionalización do sector. A Xunta pretende potenciar ás empresas de Economía Social polo seu compromiso co territorio, fomentando as de base tecnolóxica e innovadora e de emprendemento industrial con atención ás destinadas ao rural.

Este programa de actividades rematará o día 2 de xullo coa celebración anual do Día do Cooperativismo e a entrega dos premios ás cooperativas. Na xornada anterior, o 1 de xullo, celebrarase unha xornada de portas abertas nas cooperativas de Galicia.

Deja un comentario